Lugonovo desminte categoricamente que o goberno iniciara os contactos para negociar os orzamentos de 2017

161021-concelleiros-no-pleno Nin formal, nin informalmente. Os edís de Lugonovo desminten, de forma categórica, á Alcaldesa cando asegura que o equipo de goberno mantivo algunha comunicación con esta formación para iniciar a negociación dos orzamentos de 2017. “A día 4 de xaneiro non temos á nosa disposición NIN UN SÓ DATO relativo ás partidas financeiras correspondentes a este exercicio. Nin coñecemos a canto ascende a contía global e moito menos o seu detalle”, asegura Santiago Fernández Rocha. O portavoz de Lugonovo cre que a rexedora desacredítase soa ante o feito de que “as dúas ferramentas clave para iniciar as conversas, como son as ordenanzas e a RPT, están aínda sen aprobar. Sen estes documentos, determinantes para unha boa xestión municipal, dificilmente se poden elaborar os presupostos e, xa que logo, comezar ningún tipo de diálogo sobre os mesmos. Esa é a primeira evidencia de que a señora Méndez fala sobre papel mollado”. “Parécenos unha absoluta falta de rigor anunciar publicamente que xa houbo algunha aproximación cando non é certo. Unha mentira manifesta que nos leva a pensar que a pretensión da rexedora é a de prorrogar o orzamento actual sen tan sequera arrancar os contactos para aprobar o deste ano. Outra cousa é que poida facelo sen compremeter os investimentos europeos acadados dos que fai tanto alarde”. Dende o Grupo Municipal interpretan as verbas de Lara Méndez como unha forma de curarse en saúde, no seu intento de evadir o proceso de negociación co resto das forzas municipais. “A conclusión é que o executivo precisa dous anos para cumprir os compromisos que debería asumir nun. É o que leva demostrado nos últimos 18 meses, cun balance de méritos bastante cuestionable”. Santiago Fernández Rocha lembra que o posicionamento de Lugonovo xa quedou “meridianamente claro” no Pleno do Debate do Estado do Concello. “Nesa sesión e, atendendo á responsabilidade que asumimos cando apoiamos a investidura da alcaldesa, propuxemos a constitución dun novo goberno baseado na alianza dos partidos de esquerdas, que saque da parálise a este Concello e garanta a súa estabilidade. Fóra desta alternativa, que para nós é a única forma de que non se perda a lexislatura, calquera outra estratexia a seguir será determinada pola Asamblea”.