Lugonovo cre que a falta de dilixencia do goberno atrasará a rehabilitación do edificio nº 48 da Ronda da Muralla

santiago-fernandez-rocha-edificio-48-da-ronda A falta de dilixencia pode provocar que o edificio sito no número 48 da Ronda da Muralla permaneza, outro ano máis, nas mesmas condicións de ruína nas que se atopa. A advertencia chega da man dos edís de Lugonovo que, tras consultar cos técnicos municipais, cren que o goberno non actuou coa suficiente axilidade como para garantir que a construción se rehabilite nos primeiros meses do ano. “O informe do arquitecto contemplaba, a primeiros de maio de 2016, que se trata dunha obra urxente. No expediente figuraban, entre outras consideracións,  que o inmoble necesita dunha actuación inmediata debido á existencia de serios riscos de desprendemento e á desaparición de varios elementos arquitectónicos catalogados”, explica Santiago Fernández Rocha. Sen embargo, a encomenda de xestión para que Evislusa se fixese cargo da intervención non chega á Xunta de Goberno ate o 16 de novembro, seis meses despois. “Un atraso inxustificado que agora fará que o procedemento, farragoso de por sí, se demore aínda máis”, apunta o portavoz da formación. Fernández Rocha relata que a tramitación permanece, neste momento, paralizada agardando a que o departamento de Xestión Urbanística autorice a Providencia na que se lle reclama a Evislusa que detalle o custo de redacción do proxecto de reforma e a valoración das medidas de seguridade. “Dende este punto e ata o inicio da reparación existe toda unha cadea de pasos que nos fai presaxiar unha longa espera ata que a edificación quede saneada”, asegura o voceiro. E detalla: “en canto a empresa municipal dispoña deste documento terá que determinar os seus honarios e sometelos á aceptación de Intervención. A continuación, iniciarase a elaboración do proxecto que debe ser aprobado en Xunta de Goberno e, despois, adxudicar a súa contratación, un aspecto, para o que agardamos, o executivo teña a ben recorrer á vía de urxencia”. “A este paso, e falando claro, a casa pode caer antes de amañala. Porque cómpre ter en conta a existencia doutro posible inconvinte: que os propietarios rexeiten a entrada do persoal do Concello na vivenda, para poder estudar as condicións nas que se atopa e os traballos a acometer, o que suporía iniciar un novo proceso xudicial”, apercibe Fernández Rocha. “Non entendemos a parsimonia coa que opera este goberno que, non tivo en conta nin o estigma que supón para a cidade e para a propia Muralla manter a construción neste estado de abandono nin o perigo potencial que ten para a poboación”. Os concelleiros do Grupo Municipal propuxeran, no seu momento, a instalación dun armazón porticado que permitise aos peóns pasar por debaixo de forma segura e sen ter que invadir a calzada. “Unha solución que protexería correctamente a viandantes e vehículos, que non afectaría á circulación e que volvería poñer a disposición dos seus usuarios as dúas prazas de estacionamento reservadas para persoas con mobilidade reducida”, conclúe Santiago Fernández Rocha.