Lugonovo insta ao goberno a esixirlle unha determinación á Confederación Hidrogáfica sobre o proxecto da Fábrica da Luz

160901-dique-fabrica-da-luz O 2017, no seu estreo, parece darlle continuidade ao lastre da Fábrica da Luz  e á incerteza que planea sobre a viabilidade do proxecto. A desfeita medioambiental que sufriu o treito do río no que se atopan as instalacións foi un máis dos despropósitos que se levan cometido para poñer en marcha esta polémica concesión, aínda hoxe, de futuro indeterminado e sobre a que os edís de Lugonovo pedirán información na vindeira Comisión de Desenvolvemento Sostible. “Preguntarémoslle ao goberno en qué punto se atopa o proceso. Sen saber aínda o percorrido que terá a multa interposta contra o Concello e coas obras paralizadas sine die, cremos precisa unha aclaración sobre o que os lucenses podemos agardar do que vai camiño de converterse nun novo Escorial“, adianta Santiago Fernández Rocha. O portavoz da formación considera que xa vai sendo hora de que cada administración asuma o seu papel e actúe con rigor. “Se o maior compromiso para a conservación do Miño recae na Confederación Hidrogáfica, debe ser esta quen tome a última decisión, nun sentido ou noutro. O organismo fluvial debe posicionarse e aclarar, dunha vez, se a proposta de Inca é asumible, se precisa correccións ou se non é válida. Non pode calar permanentemente, contribuíndo aínda máis á paralización do municipio. Xa está ben de tomarlle o pelo aos veciños con esta prórroga indefinida que non nos leva a ningún sitio excepto ao prexuizo ecolóxico, económico e social”. Fernández Rocha afea tamén ao goberno por conformarse con este silencio. “Cremos que a espera foi suficiente e que agora o executivo debe tomar a iniciativa e esixirlle á Confederación que se pronuncie para que abra a porta, coas consideracións que estime oportunas, ou para que a peche definitivamente”. “Co resultado actual, está moi claro que tódalas entidades que, dunha ou doutra maneira, interviron na execución ou na supervisión dos traballos, fracasaron nas súas responsabilidades. Deixáronse levar pola improvisación e a deixadez, unha estratexia coa que cómpre rachar definitivamente. Agora xa se sabe que sí hai nenúfares, onde están os mexillóns e tamén onde non se pode poñer o dique. Así que ou arre, ou xo! Na batería de cuestións que veñen de presentar, os concelleiros de Lugonovo consultarán tamén se houbo algún avance no recurso do Concello contra a sanción do Ministerio, si se produciron novas conversas coa Confederación ou mesmo se o departamento xurídico contempla a posibilidade de, á vista dos acontecementos, anular a licitación a Inca.