Aclaración de Lugonovo trala polémica suscitada pola publicación das contas da Plataforma

Rolda de prensa ofrecida esta mañá polo portavoz de Lugonovo Rolda de prensa ofrecida esta mañá polo portavoz de Lugonovo

Ante a polémica surxida pola presentación das contas da Plataforma Lugonovo, dende o Grupo Municipal queremos trasladar unha serie de explicacións para descartar calquera dúbida sobre a súa legalidade. En primeiro lugar, queremos ofrecer as nosas desculpas pola imprecisión coa que foron definidos algúns dos conceptos que resumían as distintas partidas económicas que compoñen o balance financeiro da Plataforma. Un erro motivado polas présas, xa que o documento foi publicado só catro días despois de rematar o ano. Feitas as correccións, para que se axusten á normativa, non hai ningún feito delitivo ou ilexítimo que se poida atribuír á súa contabilidade. Sirva como explicación que a aportación que o Grupo Municipal Lugonovo recibe do Concello se inviste, única e exclusivamente, en solicitar servizos de apoio á Plataforma Lugonovo, debido a que a formación non dispón de ningunha outra infraestrutura nin solicitou préstamos bancarios. O que se divulgou na páxina web de Lugonovo o 4 de xaneiro era un resumo provisional, no que se encadraban os ingresos e gastos sen puntualizar nin definir polo miúdo de xeito contable. Cómpre sinalar que o balance oficial preséntase no mes de xuño, sen embargo, o anterior, correspondente ao ano 2015, foi elaborado cos mesmos criterios e reflexa as mesmas necesidades que as do exercicio pasado e non recibiu ningunha obxección por parte do Tribunal de Contas, que avalou ao 100% tamén o relativo á campaña electoral. Insistimos en matizar que o Concello non aporta nada á Plataforma Lugonovo e que os concelleiros do Grupo Municipal tampouco recibiron nin un só euro, nin sequera en concepto de dietas ou quilometraxe, da devandita aportación. Todos eses ingresos foron destinados a reforzar ao Grupo Municipal no desenvolvemento da súa actividade política para a que, entre outros aspectos, e debido a que o local do que dispón no edificio consistorial é de reducidas dimensións, precisa dunhas instalacións máis amplas. Basta dicir que nas súas oficinas da Ronda da Muralla lévanse xa celebradas máis de 200 actividades entre conferencias, debates, xornadas de divulgación, etc… Do mesmo xeito foron precisos tamén outros servizos de asesoramento administrativo e legal, loxística, ou mesmo o apoio exclusivo dun traballador para que colaborase coa formación nunha tarefa específica que, por suposto, contratou a Plataforma Lugonovo, nunca o Grupo Municipal. Por outra banda, é necesario lembrar que a Plataforma Lugonovo dispón de ingresos propios, aportados polos seus colaboradores e polas subvencións estatais cos que  financia os seus gastos de mantemento. Queremos deixar manifestamente claro que o Grupo Municipal non contrata, non paga retribución ningunha, non adquire bens e non compra material coa aportación que recibe do Concello. Tódolos ingresos que percibe por esa vía se destinan a abonar os servizos que solicita á Plataforma. Aínda así, dende a formación, tanto os concelleiros como o responsable de contas quedan á completa disposición do resto de grupos políticos, de medios de comunicación e da cidadanía en xeral para aclarar, se fora preciso, calquera dúbida ao respecto. Xa para concluír, Lugonovo quere referirse ao apartado e) do Artigo 2, relativo aos Recursos Económicos que recolle a última actualización, publicada o 31/03/2015, do texto consolidado da Lei Orgánica 8/2007, de 4 de xullo, sobre financiación dos partidos políticos no que queda sinalado: Que os recursos económicos dos partidos políticos estarán constituídos por: (entre outros)

  1. e) As aportacións que, no seu caso, os partidos políticos poidan recibir dos Grupos Parlamentarios das Cámaras das Cortes Xerais, das Asambleas Lexislativas das Comunidades Autónomas, das Xuntas Xerais dos Territorios Históricos vascos e dos grupos de representantes nos órganos das Administracións Locais.

Lugonovo lamenta profundamente que una incorrecta terminoloxía dera pé a que se cuestionara a legalidade das súas contas e insiste en seguir operando dende a máxima transparencia.