Lugonovo considera que a sentenza do TSXG sobre o Garañón era predecible e aposta pola demolición do edificio

Torres do Garañón “Non é unha sorpresa, nin moito menos, que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia rexeitara o recurso presentado polo Concello”. Os edís de Lugonovo consideran que o ditame deste organismo era máis que previsible, tendo en conta a “barbaridade” que supoñía a pretensión da administración local. “Non só entendemos que a autorización de Cultura é preceptiva senón que nos parece unha garantía”, asevera Santiago Fernández Rocha. “Tratar de desvincular o seu criterio, en materia de protección do patrimonio, sería unha auténtica aberración e deixaría ao urbanismo municipal en mans, aínda máis, da especulación”. O portavoz da formación entende que o axeitado agora sería convocar con urxencia á Comisión de Planeamento para debatir, de forma conxunta, “a mellor solución  que se lle pode dar a este conflito e que, para Lugonovo, pasa, en todo caso, primeiramente pola defensa dos intereses dos lucenses e pola demolición do edificio”. “O entramado xudicial que rodea a causa parécenos moi complexo pero tamén cremos que o realmente importante é que o executivo inicie canto antes as negociacións co construtor para tratar de diminuir o prexuizo económico que implica eliminar o inmoble das costas do Parque. Resulta fundamental definir tanto a estratexia política a seguir coma o procedemento máis axeitado para protexer adecuadamente o interese xeral. Sempre denunciamos que o Garañón é ilegal ademais de ilegalizable, nunca contará co visto bo xurídico, un feito que conduce, irremediablemente ao seu derrubamento”, conclúe Fernández Rocha.