Lugonovo propón dotar con sinalética histórica aos barrios e edificios máis emblemáticos da cidade

Sinalética cultural na cidade ¿Quen sabe que Recatelo é o barrio máis antigo de Lugo ou que o de San Roque xurdiu trala advocación que os veciños lle fixeron ao Santo despois dunha peste? Mesmo que o Museo Provincial conserva o azulexo que anunciaba a entrada ao Barrio do Paxaro, ao pé da Porta Falsa, e que fora elaborado por unha fábrica de cerámica sita neste enclave. Os edís de Lugonovo entenden que a bagaxe histórica e urbanística da cidade é un valor engadido do que goza o patrimonio local e que a súa divulgación pode contribuír ao seu atractivo turístico pero tamén á consolidación da identidade propia. “É un dos nosos tesouros, a pegada que a nosa procedencia deixou no que agora somos. Unha forma de coñecer os inicios, de identificarnos e de entender o modo no que evolucionamos”, explica o voceiro, Santiago Fernández Rocha. Por iso propoñen dotar de sinalética aos barrios e aos edificios máis emblemáticos da capital, cunha serie de paneis didácticos nos que se trasalde á cidadanía aqueles datos relevantes sobre a súa orixe, polos que destaquen tanto as construcións como as localizacións nas que se atopan. “Do mesmo xeito que na Catedral ou no Parque de Rosalía ofrécese información ao visitante, este recurso poderiase aproveitar noutras contornas singulares e ubicacións urbanas que, ata o de agora, pasaron desapercibidas para a maioría do público pola falta de recoñecemento institucional. Unha iniciativa que podería facerse extensiva tamén ás parroquias do municipio, aproveitando o amplo traballo que se está a realizar sobre a súa etimoloxía”, indica o portavoz. Os concelleiros de Lugonovo cren que estes soportes se axeitarían igualmente, á perfección, para difundir os contidos relativos aos roteiros culturais que o Grupo Municipal xa propuxo en 2015. “Tratábase de trasladar á poboación, de xeito lúdico e instrutivo, a riqueza artística e arquitectónica da que dispoñemos, superando o protagonismo tan especial que ten a época romana en Lugo e, para iso, suxeríamos a creación de seis roteiros que destacaran as distintas etapas que atravesou a cidade. Un compendio histórico, á disposicións de veciños e visitantes que os conecte coa realidade municipal e a visibilice”, lembra Santiago Fernández Rocha.