Lugonovo propón bonificar o IAE ás empresas que empreguen enerxías renovables para autoconsumo e fomenten entre os seus traballadores o transporte público

iae

Unha aposta pola sustentabilidade. Así definen os edís de Lugonovo as primeiras modificacións que trasladarán á mesa de traballo das ordenanzas de 2018 para bonificar o IAE a aquelas empresas que utilicen enerxías renovables ou establezan convenios coa concesionaria do bus urbano como alternativa ao coche particular para os seus empregados. “Ao obxecto de reducir o consumo enerxético e as emisións causadas polos desprazamentos ao lugar de traballo cremos oportuno establecer unha bonificación na ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre Actividades Económicas. A rebaixa da cota correspondente podería ser de ate un 25% para incentivar aos negocios a que establezan un plan de transporte para os seus empregados”, explica o voceiro. Santiago Fernández Rocha apunta que, para acollerse á medida, as empresas “deben suscribir un contrato coa adxudicataria municipal que comprenda, como mínimo, a participación do 15% do cadro de persoal, calquera que sexa o seu tipo de contrato”. “Trátase de aproveitar toda a normativa fiscal en vigor para facer unha cidade máis sostible, favorecendo a súa humanización e reducindo os niveis de tráfico actuais ao mesmo tempo que se potencian os modos alternativos de desprazamento”. Por outra banda, os concelleiros da formación solicitarán, igualmente, a inclusión na mesma ordenanza doutra bonificación similar para aqueles establecementos que produzan e utilicen enerxía a partir de equipamentos renovables ou sistemas de coxeneración. “Esa enerxía debe ser destinada ao autoconsumo – especifica Fernández Rocha – e a potencia instalada debe superar os 75 kilovatios. Ademais os beneficiarios deben abastecerse con ela ao 100% e non terá efecto cando a súa instalación sexa obrigatoria segundo a normativa aplicable ou se a sùa entrada en funcionamento foi anterior ao 2012”.