Lugonovo propón crear un selo de calidade para o produto autóctono e unha feira que o exalte

Selo do produto autóctono Aproveitando o paso do Concello por Fitur e a presentación dunha nova edición da campaña hostaleira  E para comer Lugo, o voceiro de Lugonovo achega unha nova proposta, simbiose de turismo e gastronomía, encamiñada a exaltar o produto local. “Trataríase de distinguir, cun selo de calidade, aquelas materias primas autóctonas e dedicarlles unha feira específica na que non só se poidan coñecer e adquirir senon tamén degustar e participar de demostracións da súa elaboración in situ”, concreta Santiago Fernández Rocha. O grelo que se cultiva na capital, o pan de Friol e de Ousá, o queixo do Cebreiro e o de San Simón, a torta de millo de Guitiriz, a faba de Lourenzá, a galiña de Mos, a merluza do pincho de Celeiro, o bonito de Burela, o viño Mencía da Ribeira Sacra ou o botelo da Fonsagrada son só algúns dos exemplos da singularidade culinaria que aglutina a provincia. “Cada un destes alimentos conta cun evento propio pero tamén precisa dunha promoción conxunta capaz de transcender da súa valía individual por pertencer a unha marca que o identifica e destaca no mercado: porque Sabe a Lugo”, suxire o portavoz da formación. “Está claro é que o bo comer que se nos atribúe debe exercer como foco de atracción no deseño dun plan de cidade tanto a nivel económico, turístico e cultural como patrimonial. Pero tamén hai que saber aproveitalo. Entendendo que é un dos maiores reclamos de Lugo, non só como municipio senón como rexión, as administracións deberían impulsar un proxecto que posibilite o rendemento ao máximo de tódalas pezas que compoñen o que pode chegar a ser un verdadeiro motor de desenvolvemento do Concello”, sinala Fernández Rocha. “O que, dende logo, nos parece contraproducente, é asitir á feira de Madrid cada entidade co seu lema porque desvirtúa o obxectivo, evidencia que non existe unha estratexia política común e confunde ao público, xusto o contrario do que se pretende”. O voceiro de Lugonovo aposta por encaixar a iniciativa nalgunha época do ano máis decaída en canto á programación cultural para tratar de afianzala no calendario, pero destaca igualmente a necesidade dun compromiso de difusión dende tódalas institucións para proxectar a relevancia que conferiría esta nova etiqueta. “Hai que partir de que, nun mundo globalizado, a notoriedade nace da diferenciación. E o que nos distingue é, precisamente, a calidade gastronómica. Polo tanto, tendo en conta esta circunstancia, resulta máis que convinte artellar tódalas sinerxías posibles que permitan destacar as nosas potencialidades innatas”, reflexiona Santiago Fernández Rocha.