Lugonovo advirte da escasa eficacia que están a ter os recursos investidos na difusión da axenda cultural

161021-concelleiros-no-pleno Unha prolífica programación pero cunha raquítica difusión. Esa é a diagnose que realiza o Grupo Municipal Lugonovo da realidade cultural do municipio. “Frecuentemente se organizan actos na cidade, de gran calidade, con moi boa crítica pero aos que a escaseza da súa promoción os condena ao fracaso de taquilla”, reflexiona o portavoz. “Moitas veces só somos sabedores deles a posteriori, cando a prensa recolle algún comentario sobre a súa celebración”. Santiago Fernández Rocha entende esta circunstancia como unha perda de oportunidade, primeiro de que a oferta existente sexa aproveitada polo xeral do público e, segundo, de que a cultura transcenda como un valor máis do interese turístico que pode ter Lugo. “Canta máis audiencia teñan os distintos espectáculos mellor investidos se poden considerar os recursos empregados; un obxectivo para o que quizais sexa tan importante a contratación do evento como a súa promoción,” salienta o voceiro. Fernández Rocha considera oportuno trasladar ao Consello Municipal de Cultura a reflexión sobre cómo potenciar a divulgación do ocio local para que os sectores representados nel poidan achegar as súas propostas. “Cómpre efectivizar os esforzos económicos que está a facer o Concello, porque os resultados non están a altura. Nin os case 12.000 euros destinados ao aloxamento e mantemento da App Lugo Turismo parecen estar dando os froitos axeitados, nin tampouco o boletín infocultural que se envía semanalmente.” E como mostra apunta o acontecido o pasado 30 de decembro, cando o grupo catalán Farres & Brothers presentou a súa obra Tripula, recoñecida con diversos galardóns pola súa orixinalidade e calidade artística. “Esta compañía non chegou a encher nin un tercio  da capacidade do Gustavo Freire, a pesar de que a entrada só custaba 5 euros e había descontos. Un claro exemplo de que a publicidade é, cando menos, insuficiente”. “Dende Lugonovo cremos que espazos como a oficina de turismo, os hoteis, as sedes das asociacións, os centros socioculturais, os colexios ou mesmo os paneis dispoñibles nas marquesiñas do bus poderían funcionar como un bo escaparate de toda esta información. Son emprazamentos moi visibles, con moito tránsito, nos que a nosa axenda lúdica debería estar sempre presente e actualizada se o que se pretende dela, como é desexable, é universalizala”. O portavoz da formación insta a convocar canto antes unha nova xuntaza da Comisión para abordar este asunto e traballar, igualmente, na mellora da coordinación coa fin de evitar solapamentos, “algo que nos parece inxustificable porque, entendemos, hai tempo dabondo durante todo o ano para repartir as accións de maneira que non sexan excluíntes entre elas”.