Lugonovo propón contrarrestar os abusos das eléctricas cunha nova taxa fiscal

Tarifas-de-acceso-Alta-Tensión Ate 500 reclamacións anuais contra as eléctricas, só na provincia de Lugo e só cursadas por parte do tecido industrial. A cifra, facilitada pola Oficina de Defensa e Información do Consumidor Eléctrico, atende ao número de queixas que eles mesmos xestionan, “polo que non resulta complexo deducir que a cantidade total tramitada, tamén a través doutras instancias, poida ser moi superior” advirte o voceiro de Lugonovo. Este sector, xunto co da telefonía, acapara con diferenza, a maior parte das denuncias dos consumidores, especialmente polo gravame das peaxes que impoñen as distribuidoras, pero tamén polo exceso de facturación en concepto de enerxía (a tarifa regulada pode aparecer inflada nun 21%), e polo aluger do contador. “Unha partida, esta última, pola que a algúns empresarios se lles chegou a cobrar ate 65 euros ao mes, cando o devandito aluguer ronda os 2’79€. Estamos a falar, segundo nos informan dende a Odice, dun abuso flagrante contra o usuario que, en termos porcentuais, pode supoñer un incremento que oscila entre o 150 e o 2.000%”, explica Santiago Fernández Rocha. O propio Negociado de Sanidade e Consumo refire que, aproximadamente, o 18% de tódolos escritos presentados na OMIC en 2016 ían dirixidos contra as compañías de electricidade. “Entre os motivos que sustentaron estas 61 queixas atópanse as lecturas de consumo estimado, a duplicidade dos recibos, os cortes inxustificados do subministro e mesmo se trasladaron cuestións tan graves como os cambios de comercializadora mediante enganos o que supuxo, nalgúns casos, a perda do bono social”, resume o portavoz da formación. “Pola contra, resulta inexplicable e mesmo bochornoso que estas grandes operadoras, dominen o mercado, impoñendo, co beneplácito do goberno central, a tarificación ao seu antollo e non só se lucren dos lucenses, empregando todo tipo de artimañas, senón que tamén atopen na nosa cidade un beneficio engadido que lles ven dado pola lasitude da inspección fiscal e pola escasa capacidade recadatoria que está a desenvolver a administración local”. Fernández Rocha lembra que, actualmente, estas empresas só pagan o 1’5% da súa facturación bruta pola explotación do servizo pero, en cambio, “sáelles completamente gratis esparexer as súas infraestruturas pola contorna”. “Xa é hora de rematar con esta posición de vantaxe. Non é só de sentido común senón de xustiza tal e como recoñece a sentenza do 21 de Decembro de 2016 do Tribunal Supremo.  O ditame expresa con claridade que os postes, as canalizacións e demais elementos do tendido que se instalan para transportar a electricidade, a auga, o gas ou os hidorcarburos teñen categoría de construcións e, polo tanto, deben tributar polo aproveitamento que lles reporta dispoñer do solo, subsolo e voo municipal no que se colocan”. Co obxectivo de incluír esta nova taxa na Ordenanza existente que rexe os usos da vía pública ou de crear unha nova disposición que a contemple, o Grupo Municipal, levará mañá xoves, unha proposición ao Pleno. “Existe un amplo marco legal, dende os artigos 133.2 e 142 da Constitución Española, ate o 106 da Lei 7/1985 reguladora das Bases de Réxime Local e mesmo os 57, 15 e seguintes do Texto Refundido da Lei de Facendas Locais nos que se outorgan as facultades normativas aos Concellos para materializala”. “Sen lugar a dúbidas sería unha medida cunha gran repercusión económica, xa que, en base a un estudo técnico, o Supremo estimou que estas compañías poderían ter que abonar, en función da tensión das liñas, ate 12.000 euros por metro lineal. En Arteixo, por exemplo, o seu cobro suporá máis de dous millóns de euros ao ano”. Dende o servizo de enxeñería apuntan que o traballo de campo para cuantificar as dimensións do tendido podería levar pouco máis dun mes, “30 días nos que, con vontade política, se pode elaborar simultaneamente o texto preceptivo que axude a combater a arbitrariedade coa que agora se comportan estas firmas”, conclúe Santiago Fernández Rocha.