Lugonovo considera decepcionante que o goberno só executara o 25% das proposicións que a formación levou ao Pleno

161107-concello-de-lugo “Unha tomadura de pelo”. Ese é o termo que, segundo o voceiro de Lugonovo, mellor define a actitude do goberno local á hora de cumprir os acordos de Pleno. A memoria facilitada aos grupos, no seo da Comisión de Seguimento desta mañá, na que se recolle como avanza a execución das propostas aprobadas, pon de manifesto a escasa vontade do executivo para desenvolvelas. “O PSOE presentou dende o inicio do mandato 20 iniciativas, das que materializou, tal e como se desprende no informe, 15. Sen embargo, das 26 nosas, ás que se fai referencia no documento, 19 siguen agardando nun caixón e co único trámite superado de seren trasladadas ao departamento oportuno”, explica Santiago Fernández Rocha. “Especialmente significativo nos parece que a alcaldesa nin sequera asinase a orde que inicia o procedemento de constitución da Comisión de Control dos Procesos de Contratación despois de 4 meses. Isto demostra o verdadeiro compromiso que ten coa transparencia”. O portavoz da formación lembra que a medida tiña por finalidade posibilitar a supervisión política dos procesos de adxudicación pública, “tendo en conta que as concesións constitúen unha parte moi importante da actividade dunha administración local e son transcendentais para as arcas dos concellos. Por iso consideramos imprescindible a creación dun organismo que permaneza alerta de cómo o equipo de goberno xestiona esta materia”. Fernández Rocha afea que na maioría das mocións de Lugonovo houbo cero avances e que outras moitas, directamente, nin sequera se mencionan no expediente entregado. “Polo que parece, o executivo non contempla as nosas peticións para crear un rexistro de solares en ruína, mellorar a participación cidadá, avaliar a calidade dos servizos externalizados ou mesmo concorrer ao certame Cidade Gastronómica Creativa da Unesco, tampouco haberá visitas guiadas para que os escolares coñezan o patrimonio local”. “Non entendemos entonces para qué serve a capacidade propositiva dos grupos se non pensan respectar a lexitimidade que nos deron os cidadáns co seu voto. A decepción é dobre porque ademais estamos a comprobar que tampouco se dá ningún paso para que a oposición poida exercer a súa función de vixilancia; é dicir, cero avances e tamén cero garantías”. Dende a formación discrépase igualmente do criterio empregado para valorar o nivel de evolución das proposicións. “Nin moito menos consideramos que se teña finalizado o programa suxerido para dinamizar o Nadal nos barrios, nin tampouco entedemos completos tódolos items que debían estar presentes na páxina web da transparencia. Está claro que ou ben nós temos outra vara de medir distinta ou que as nosas expectivas non concordan coa realidade”. “En calquera caso – conclúe Santiago Fernández Rocha – solicitaremos os informes oportunos para coñecer por qué algunhas iniciativas non saen adiante e outras, en cambio, se consideran rematadas cando non o está. A resposta facilitada hoxe foi que todo está en curso, pero ese curso non nos convence, nin nos prazos nin nas formas”.