Lugonovo propón convocar un certame xuvenil de creación artística

arte

Os edís e a edil de Lugonovo propoñen destinar unha pequena partida orzamentaria a fomentar a creación cultural entre a mocidade mediante a convocatoria dun certame anual no que teñan cabida tódolos ámbitos artísticos. “Trátase dunha medida de impulso á creatividade e de apoio aos rapaces e rapazas de entre 14 e 35 anos para incentivalos e que non perdan nin a ilusión nin o gusto pola cultura, de reforzar as súas aptitudes e, tamén de premialas, non só economicamente senón dunha forma pública”, explica o voceiro. Santiago Fernández Rocha suxire reservar un investimento entre os 20 e os 30 mil euros para financiar os galardóns así como crear, posteriormente, unha mostra cos traballos que “podería estar exposta nalgunha das dependencias museísticas da cidade. O que pretendemos con esta iniciativa é que o Concello amose a súa aposta pola cultura, polo seu fomento e pola valía das novas xeracións. O concurso sería unha forma de canalizar a participación, de dinamizar a produción e de promocionala  a nivel institucional”. “Os interesados só terían que presentar obras orixinais, de forma individual ou colectiva en diferentes eidos como poden ser o cómic, o deseño gráfico, a vídeo arte, as curtametraxes, os relatos curtos, microrrelatos, poesía, música, deseño de moda e de complementos, fotografía, escultura, música, etc… A inscrición, por suposto, sería gratuíta”, abonda o portavoz. “A crise económica afectou en demasía ao mecenado artístico ate o punto de que a cultura adquiriu hoxe a consideración de luxo, algo que nos parece intolerable. Por iso cremos que deben ser as administracións locais as que, en primeira instancia, desenvolvan e potencien as facultades máis positivas do individuo: a sensibilidade, a creatividade, en definitiva, as ideas como o motor do mundo e como base que sustenta a identidade. Aportacións singulares e xenuínas que, sen dúbida, contribuirán ao patrimonio local e social e que non deixan de ser senón, un ben para a humanidade”, refire Santiago Fernández Rocha. A proposta da formación vai encamiñada igualmente a propiciar un ocio alternativo entre a xuventude e a sentar as bases dun programa de difusión e proxección da actividade cultural que, entre outras cousas, repercuta positivamente na imaxe de Lugo.