Lugonovo denuncia que o Concello non respecta a Lei do Solo e cifra en máis dun cento os expedientes de ruína en curso

170201 Edificio Rúa Nova en ruína Foi unha proposición de Lugonovo, aprobada polo Pleno vai facer un ano: a posta en marcha dun Rexistro de Soares en Ruína. Sen embargo o goberno nin sequera tivo a ben incluíla no informe facilitado aos grupos no marco da Comisión de Seguemento e, nin moito menos, deu algún paso para propiciar a súa elaboración. A consecuencia é que, a día de hoxe, na cidade non existe ningún listado oficial que recolla aqueles inmobles en risco sobre os que non tiveron ningún efecto as medidas de execución forzosa cursadas, o que sería o trámite previo para a súa poxa pública. A denuncia faina Santiago Fernández Rocha, pero a realidade é que do mesmo criterio son os técnicos municipais porque, entre outras razóns, a lexislación obriga. “Non hai máis que acudir a Lei do Solo. O artigo 137 do Capítulo I, relativo ao Fomento da Edificación, Conservación e Rehabilitación (dentro do Título VI, sobre Intervención na Edificación e Uso do Solo e Disciplina Urbanística) contempla o mandato: Os municipios con poboación superior aos 50.000 habitantes crearán un Rexistro de Soares, no cal se incluirán os soares e as construcións en ruína ou aquelas sobre as que non se houberan realizado as obrigas contempladas nos artigos anteriores, unha vez que se constatara que as medidas de execución forzosa resultan ineficaces para o seu cumprimento”. “En base a isto, entendemos que o Concello de Lugo non só leva dez meses ignorando un acordo da Corporación, senón tamén moitos anos incumprindo a normativa”. Fernández Rocha afea que o executivo local deixara pasar todo este tempo sen avanzar absolutamente nada na tramitación do Rexistro. “Trátase dunha medida urxente porque, ademais do xa visto, as cifras así o reflexan. Agora mesmo, en Xestión Urbanística teñen constancia de, polo menos, 140 inmobles ruinosos, algúns, como o sito no número 70 da Rúa Nova, co expediente iniciado dende o ano 1981”. “Parécenos impropio dun organismo municipal manter un edificio neste estado durante 36 anos. Sen embargo non é o único, hai ducias de vivendas na cidade que resisten dende os 90’ nun pésimo estado de conservación ante a pasividade institucional”. O portavoz da formación sinala que “a lei estipula que os donos de propiedades incluídas dentro do Pepri deben presentar un proxecto de edificación cando se trata de terreos baleiros, ou de rehabilitación cando o predio xa conta cunha construción. E fóra desta catalogación, tamén obriga a que os soares do resto da cidade conten cun peche perimetral de dous metros así como ao adecentamento das fachadas. Resulta evidente que se non se dispón dun documento oficial que constate cantas e cales son as parcelas afectadas pouco marxe de manobra vai ter a administración para esixir que se respecte o regulamento. Cómpre lembrar ademais que xa se rexistraron desprendementos nalgúns destes enclaves e que a falta de limpeza dalgunha leira orixinou tamén queixas veciñais pola presenza de roedores non só nelas senón tamén nas proximidades, en zonas incluso tan emblemáticas coma mesmo fronte da Mosqueira”. “Dende Lugonovo – conclúe Santiago Fernández Rocha –  consideramos imprescindible crear con dilixencia este Rexistro como a medida coercitiva definitiva que pode empregar o Concello para poñer en vías de solución un dos problemas máis salientables do municipio e que redunda na súa estética”.