Lugonovo tacha de terxiversación extemporánea e oportunista as declaracións de López Pombo

prohibido-no-juntar-la-caca

“Imposible, irrealizable ou un brindis ao sol non debe ser cando hai outros concellos nos que o censo de adn xa leva tempo funcionando e con bos resultados”, contesta Fernández Rocha quen exemplifica co caso de Xátiva (Valencia) onde a medida conseguiu reducir ate nun 80% a suciedade canina nas rúas. “Aínda así, o que nós propuxemos, foi que o goberno fixera simplemente un ESTUDO xurídico, técnico e económico para valorar a viabilidade de implantala tamén en Lugo. O que non sabiamos é que recaía na señora López Pombo a potestade de decidir ao respecto”. O portavoz de Lugonovo critica con dureza a terxiversación interesada da concelleira do Partido Popular que emprega como táctica política a descalificación gratuíta para disimular a falta dun proxecto propio que lle dea solución ao problema. “É moito máis sinxelo, claro que sí, cargar contra a oposición para encubrir as súas carencias”. Fernández Rocha tacha de demagoxia barata as afirmacións da edil nas que apunta  que Lugonovo pretende desincentivar a adopción dos animais así como promover o seu abandono, nun intento malintencionado de dirixir o malestar cidadá cara esta formación. “O único que deixa patente con estas declaracións é o seu oportunismo e que nin sequera se molestou en ler a nosa proposta. Se o houbera feito comprobaría que, para empezar, se suxeriamos a súa creación era porque nos parecía moi inxusto que a sociedade demonizara a todo un colectivo polas conductas incívicas de só uns poucos. A diferenza do Partido Popular nós cremos na oposición construtiva, cremos que ao Concello hai que vir facer algo máis que poñer verde ao equipo de goberno e que tamén é nosa a capacidade e a responsabilidade de achegar ideas e iniciativas que poidan mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas. Por iso, dedicamos parte do noso tempo a visitar o laboratorio de xenética de Facultade de Veterinaria para que un dos seus técnicos nos explicara cómo debía ser o proceso a seguir coa fin de que o banco de adn tivera lexitimidade, esa que a señora López Pombo nega con rotundidade absoluta”. “Apuntabamos que, para poñelo en marcha, resultaba precisa a definición concreta dun protocolo de obtención de mostras, da cadena de custodia das mesmas ou da sensibilidade que deben ofrecer os marcadores que sirvan como referencia. Tamén subliñábamos o privilexio que supón contar na cidade coa presenza da Universidade porque é sen dúbida unha importante vantaxe, sobre outros municipios tendo en conta as infraestruturas científicas e o equipo docente de primeiro nivel que posúe. E diciamos que poderían ser eles quen asesorase ao executivo sobre os pasos a seguir e asumir, posteriormente, o procedemento técnico. O que desmonta a insinuación torticeira de que pretendemos favorecer o negocio dos laboratorios”. O portavoz de Lugonovo desenmascara así, unha a unha as mentiras da concelleira popular. “Como non leu o noso comunicado, vémonos na obriga de trasladarlle tamén que xa éramos coñecedores de que as competencias nesta materia recaían na Xunta de Galicia, onde, por certo, ela podía instar a promover tamén algunha campaña de concienciación. É máis, antes de publicar nada, fixemos a consulta oportuna no Servizo de Sanidade Animal e a resposta que nos deron os seus compañeiros foi que o único que tería que facer a Consellería de Medio Rural sería modificar a actual aplicación informática coa que traballa o Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (REGIAC) para posibilitar que tódolos datos se integren no devandito censo”. Toda esta información sae recollida xa na anterior nota, que se pode consultar dende o pasado 16 de decembro na páxina web de Lugonovo. Nela, a formación tamén indicaba que lle parecía convinte que a analítica fora subvencionada polo Concello, como parte da campaña de sensibilización social, pero que debería ser abonada polo infractor, ademais da multa, cando fose detectado. “Explicabamos, igualmente que sería necesario modificar a ordenanza municipal reguladora, atribuir con concreción o custo das probas así como tipificar o importe das sancións”. Pola falta de rigor amosada, Fernández Rocha asemella a intervención da edil Ana López Pombo a unha pataleta mesmo improvisada, “a reacción a unha frustración ante a evidencia de que non son capaces de aportar alternativas de proveito para resolver os problemas do día a día o que reduce a súa labor a xerar crispación social, dá igual contra quén”.