Fomento resposta a Fernán Vello que non ve necesaria a pasarela de acceso ao Anxo Carro

Roda Fernán Vello O deputado de En Marea nas Cortes, Miguel Ánxo Fernán Vello, daba conta esta mañá das respostas coas que o Ministerio de Fomento liquida a solicitude da formación de dotar con sendas pasarelas a Nacional VI e a Rolda Norte. Despois de manter varios encontros con distintas asociacións veciñais de Lugo, Fernán Vello daba traslado no Congreso das súas reivindicacións facendo fincapé na necesidade de dotar de accesos peonís o tramo da Nacional VI que comunica co Estadio Anxo Carro así como o traxecto da Rolda Norte que une o polígono das Gándaras co barrio do mesmo nome. Námbolos dous casos o goberno central se desentende das peticións e pospón a construción destas infraestruturas. No primeiro, o departamento que dirixe Íñigo de la Serna asegura que na actualidade existen dous pasos inferiores nas inmedacións ao estadio, un próximo á Calzada da Ponte e outro pegado ao centro comercial, que permiten salvar a distinto nivel a estrada con total seguridade para os viandantes que acceden ás instalacións deportivas e tamén para os propios vehículos que empregan a vía. Concretamente, e a efectos de evitar riscos, menciona que as marxes da calzada foron pechadas, prohibíndose ademais o estacionamento incontrolado nas inmediacións e insta ao Concello a que complete estas medidas de prevención con outras actuacións como pode ser  sinalizar os itinerarios peonís dispoñibles dende a cidade ate estes pasos inferiores. En canto á pasarela das Gándaras, o Ministerio refire que o proxecto está pendente de adaptación á nova normativa pero que nos 3 km nos que se desenvolve o trazado, a Rolda Norte conta con dotacións axeitadas que ofrecen un servizo correcto para atender aos 11.000 vehículos que circulan diariamente por ela. Fernán Vello aproveitou a súa visita a Lugo para anunciar tamén que ven de presentar unha batería de preguntas ao Ministerio de Interior solicitando que aclare o anuncio feito por Núñez Feijoo a semana pasada de instalar unha nova comisaría de policía no antigo Hospital Xeral. O deputado de En Marea quere saber en qué prazos e con qué dotacións se pretende materializar o proxecto. Dende a súa chegada ao Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello leva presentado numerosas iniciativas políticas, a maioría relativas aos importantes déficits de mantemento das estradas da provincia e a falta de seguridade viaria que ocasionan.