Lugonovo denuncia que o Concello leva 15 días sen conceder a tarxeta cidadá por falta de existencias

Tarxeta cidadá

O Concello de Lugo non concede dende hai 15 días a tarxeta cidadá. A denuncia fanna os edís e edil de Lugonovo despois de recibir reiteradas queixas veciñais. “Nestes momentos hai entre 50 e 60 solicitantes afectados e ningunha previsión do que tardará o goberno en restaurar o servizo”, explica Santiago Fernández Rocha. O portavoz da formación considera o acontecido un “auténtico despropósito” só atribuíble á grave falta de previsión da concellería de Cidadanía. “Non entendemos como é posible que neste departamento se puidesen quedar sen existencias e, sobre todo, que a carencia se manteña durante tanto tempo. Estamos falando dunha prestación con moita demanda pola aplicación cotiá que ten para os usuarios xa que facilita o pago do bus urbano e do transporte metropolitano e permite a identificación para acceder ás instalacións municipais e abonar as actividades”. Fernández Rocha califica, asemade, de “desconsideración” o feito de que todas estas persoas non recibiran nin unha soa explicación pola demora nin tampouco ningunha información sobre cando volverán a estar dispoñibles os carnés, cuestións que a formación trasladará á Comisión correspondente deste mes na procura dunha resposta oficial. “Agardamos, ademais, que o executivo corrixa canto antes a deficiencia”, conclúe o voceiro.