Lugonovo solicita a reparación do módulo cuberto das pistas de As Pedreiras

dav Que teña tellado non signfica nada para o módulo cuberto das pistas de atletismo de As Pedreiras, porque non impide que chova dentro. E todo isto, só catro anos despois de inauguralo. A queixa procede dos clubs que empregan estas instalacións pero é Lugonovo quen a fai pública no afán de que o goberno reaccione ás constantes reivindicacións dos deportistas que, ate o momento, caeron en saco roto. “O chan do local está anegado e máis co temporal que acabamos de pasar. Mantelo neste estado é o mesmo que consentir que quede inutilizado. Existen, polo menos, tres puntos concretos a través dos que se filtra tanta auga que remata por formar charcos co perigo que iso conleva para os usuarios”, critica  Cristina Pérez Herráiz. A edil da formación solicítalle ao executivo que tome conciencia do problema e que o resolva botando man, se é posible, da garantía da obra, “que non chega ao lustro”, para acometer as reparacións. Ademais apunta outra das consecuencias derivadas da presenza de goteiras: “o material para a práctica do exercicio gárdase neste módulo, dentro dun contedor, pero tamén comeza a degradarse ao quedar exposto ás molladuras,  polo que solicitamos que se substitúa, axiña, por outro novo e en mellores condicións”, conclué Pérez Herráiz.