Lugonovo estima que pode haber máis de 6.000 afectados polo erro na tramitación tributaria das axudas de emerxencia

Foto Rolda Cris Axudas Emerxencia Lugonovo interpelará ao goberno para que dea conta no vindeiro Pleno dos motivos polos que as axudas de emerxencia lle constaron, fiscalmente, aos seus perceptores como ganancias patrimoniais. A formación denunciou en decembro que este feito lles supuxo a moitos deles, sen sabelo, o imperativo de presentar a declaración da renda e, por non facela, unha sanción económica, en torno aos 80€, da Axencia Tributaria así como a paralización da concesión doutras subvencións ate que resolveran a obriga que tiñan pendente coa administración. “No seu día atribuíamos este gravísimo erro a que os datos das achegas municipais se estaban trasladando incorrectamente a Facenda. Dous meses despois seguimos sen ningunha aclaración ao respecto por parte do executivo local – denuncia Cristina Pérez Herráiz- o que nos dá a entender que as nosas sospeitas non eran infundadas”. A edil refire que, persoalmente, enviou un escrito ao ente económico pedindo que relatara cal era o procedemento máis axeitado para comunicar a concesión destas prestacións e cómo o estaba a facer o Concello de Lugo. Na súa contestación, remitida esta mesma semana, o organismo estatal estima que debe empregarse un modelo concreto, o 190, sobre rendementos do traballo, así como especificar que as aportacións outorgadas quedan exentas de tributación polo seu carácter social. A versión, difire co explicado pola titular de Benestar na última Comisión de 2016 na que Lugonovo realizou varias preguntas. Segundo Ana Abelleira, Tesourería estaba a transmitir esa información co modelo de declaración anual de operacións con terceiras persoas, o 347. “Seguramente o problema resida nisto, nunha confusión do modelo máis axeitado para notificar os importes concedidos. Sen embargo debemos afear a actitude do equipo de goberno que, no canto de dilucidar o sucedido, preferiu dar a calada por resposta, entendemos que para non admitir que a incorrección partía do Concello”. “O que verdadeiramente importa, a tradución práctica deste proceder xenérico – continúa a concelleira – é que a equivocación prexudicou, por tanto, a tódolos beneficiarios das axudas de emerxencia, máis de 6.000 persoas. Aos que non tiñan que facer a declaración da renda, da maneira que xa denunciamos anteriormente e aos que estaban obrigados a presentala, posiblemente o fisco lles retivera máis ou lles devolvera menos cartos do que lles correspondía”. Ante esta situación, Lugonovo reclamará ao executivo que, para emendar o fallo, realice, de novo, unha declaración complementaria de tódolos expedientes afectados, se non o fixo xa,  e inicie unha campaña de asesoramento dirixida aos usuarios dos Servicios Sociais advertíndoos do acontecido para que tramiten a correspondente reclamación na Axencia Tributaria e soliciten o reembolso dos importes erradamente cobrados así como a devolución das multas que lles foron impostas.