Lugonovo non iniciará a negociación dos orzamentos co goberno, ante o intento de responsabilizar á formación da premura por rematar a RPT

Rolda de Prensa RPT “Rpt si, pero non a calquera prezo. Os traballadores non son para nós moeda de cambio, nin consentiremos que se lles trate así.” O portavoz de Lugonovo desminte categóricamente que a formación condicionara o seu apoio aos orzamentos municipais baixo a premisa de sacar con urxencia a  Relación de Postos de Traballo. “Cando chegamos ao Concello atopamos que esta administración precisaba corrixir importantes desviacións en materia de recursos humanos, que daban pé ao malestar de moitos empregados polos agravios comparativos que se propiciaban e pola errada distribución dos efectivos nos distintos departamentos. E todo o noso afán foi presionar ao goberno para que emendara a situación e puxera en marcha unha RPT, que ate o momento non existía nin se lle esperaba”, lembra Santiago Fernández Rocha. “Apostamos por crear a figura da Dirección Xeral porque despois de 10 anos a estrutura existente, non fora quen de sacar adiante o documento, grazas tamén ao consentimento da oposición que miraba para outro lado, intentando que os seus tampouco perdaran os privilexios que tiñan”. “Que se comezase a traballar na RPT foi unha das condicións que Lugonovo puxo sobre a mesa de Lara Méndez para aprobar os presupostos que agora están prorrogados. Porque para nós era e segue sendo, unha prioridade poñer orde no persoal, rematar coa desorganización e coas arbitrariedades”. “Evidentemente non queremos que a negociación se durma nos loureiros, porque non só hai que ter vontade de que cambien as cousas senón tamén actuar para que se materialicen. Agora ben, que nós presionemos para que se faga deprisa e correndo, É MENTIRA! Se a pretensión que existe é sacala adiante de costas á vontade e aos intereses da maioría dos empregados e facendo que as categorías inferiores paguen os pratos rotos, o que atoparán en Lugonovo serán as portas pechadas”, advirte Fernández Rocha. Os edís e a edil do Grupo Municipal insisten: “queremos que se faga unha BOA Rpt e polo tanto xa anunciamos:

  • Primeiro, que pola nosa parte quedan paralizados tódolos intentos de negociación co executivo ata que este non informe públicamente de que non houbo tal presión pola nosa parte e que, polo tanto, as conversas para abordar o documento non teñen data de caducidade inminente.
  • E segundo, que se se aproba tal e como está, nos prazos anteriormente previstos e coa oposición da maioría dos traballadores, LUGONOVO NON APOIARÁ OS ORZAMENTOS.

Lugonovo informa ademais que os seus concelleiros e concelleira manterán esta mesma tarde unha reunión co edil de Persoal  e que, a partir da semana que ven, solicitarán tanto aos sindicatos como aos xefes de servizo unha entrevista para coñecer de primeira man non só cal é a situación na que se atopa cada sección e as súas necesidades, senón tamén cal é a percepción que os seus integrantes teñen sobre como se está a desenvolver o proceso de negociación.