Lugonovo denuncia que o Concello emprega auga potable, que custa o dobre, para baldear as rúas

Baldeado rúas O descontrol que afecta ao servizo municipal de augas é de tal magnitude que, entre outros despropósitos, inclúe a utilización de auga potable para regar xardíns e baldear rúas. “Estamos a falar de que, cada día,  se destinan a este uso unha cantidade inxente de litros. Potabilizar un metro cúbico cóstalle ao Concello 17’7 céntimos fronte aos 9 céntimos, xusto a metade, que vale depurala e que serviría perfectamente para ese fin. Agora boten as contas do que cada mañá se malgasta só con ese xesto”. O voceiro de Lugonovo aporta máis datos ao suma e segue do despilfarro público. “En 2016 a administración local gastou 1.550.000€ en tratar para o consumo  8.729.534 metros cúbicos de auga dos que, aproximadamente, a poboación só demandou cinco e medio. Un desfase que o convirte nun investimento irrecuperable xa que ese case 40% restante non se pode facturar”. “Por outra banda, só cinco traballadores se dedican á comprobación dos contadores dos 57.581 abonados rexistrados. E a esta infradotación de persoal cómpre engadir que máis do 75% dos aparatos, en propiedade dos titulares do contrato, teñen unha antigüidade superior aos 30 anos o que merma entre un 15 e un 20% a lectura real. Outro gran deste celeiro son os centos e centos de dispositivos que actualmente están parados, ben con intención fraudulenta, ben sen ela ou imposta por condicionantes burocráticos como, por exemplo, que o edificio no que se atopa non dispoña de licenza de primeira ocupación”. “O panorama é froito, dende logo, dunha nefasta xestión, que se arrastra, cando menos, dende o 2005. Xa nese momento as irregularidades que lastraban ao servizo provocaron que non se facturara o 46% da auga potabilizada durante o devandito exercicio e, polas cifras anteriores, unha década despois, a situación non parece ter mellorado moito”, lamenta Santiago Fernández Rocha. Os edís e a edil da formación denuncian igualmente que Lugo é unha das poucas cidades, “por non dicir a única”, que carece de regulamento ao respecto. “Un marco normativo fundamental para poder planificar o ciclo integral da auga e facelo máis eficaz e máis eficiente. Hai moito que mellorar primeiro antes de empaquetarlle aos cidadáns as consecuencias económicas de todos estes despropósitos”. O portavoz subliña o feito de que, dende o 2012, non se coñeza a elaboración de ningún estudo de custos sobre abastecemento municipal, o que obriga a “andar ás apalpadas para referirse a el e pode propiciar que todo canto se comenta non sexan máis que trazos grosos e mesmo desacertados”. “Trátase dunha prestación básica que esixe máis rigor e precisión e menos demagoxia. Para Lugonovo o contrato non se pode manter por máis tempo, nin baixo ningunha escusa, no limbo do reparo de legalidade e consideramos que, para abordalo é imprescindible facer primeiro un diagnóstico e un plan integral de reestruturación de todo o servizo, encamiñado, antes de nada, a optimizar os recursos. Non se pode alarmar á poboación, prevendo un crecemento exponencial dos recibos e, dende logo, nos parece inxusto e irresponsable pretender que todo este derroche, que é corrixible e evitable,  repercuta nos consumidores que xa cumpren coas súas obrigas”, conclúe Fernández Rocha.