Lugonovo califica de humor negro a denominación, como tal, da rúa Río Sar

Rúa Río Sar Un poste desamparado e un cartel de sinalización. Eso é todo o urbanizada que se atopa a rúa Río Sar, segundo o portavoz de Lugonovo. “Para chamarlle rúa a esto, hai que botarlle moita imaxinación. Entedemos que a denominación púxose de maneira simbólica porque tal e como se atopa o seu desenvolvemento urbanístico por non ter, xa nin ten trazas de que nalgún momento vaia recibir dotación algunha”, afea Santiago Fenández Rocha. Para o voceiro da formación a situación que se reflicte nesta parte da capital, próxima á Cheda, demostra algo evidente: “que na cidade aínda existen barrios de primeira e de segunda. E polo visto tamén de terceira”. “Esto non é unha rúa, nin nada que se lle pareza, é un prado desleixado, carente de calquera infraestrutura pública, sen delimitar, sen pavimentar e sen nada que lle atribúa semellante categoría”. Os edís e a edil de Lugonovo preguntarán ao executivo por qué no ano 2017, o Concello aínda consinte en manter a zona nestas condicións e cales son as previsións que manexa para poñela a altura do seu nome. “Queremos saber, entre outras cousas, por qué a devandita rúa sofre este abandono, se existe algún condicionante que impida a súa expansión e se, nalgún momento, pensan acometer algunha mellora ”, apunta Fernández Rocha.