Lugonovo advirte que a Xunta podería estar recadando na cidade máis do que lle corresponde polo canon da auga

Santiago Nin un euro de máis á Xunta e menos a cambio de nada. O Grupo Municipal Lugonovo propón que o Concello inicie unha campaña informativa destinada a que o consumidor só pague o que lle corresponde polo canon da auga. “O goberno autonómico non investirá un peso no saneamento de Lugo en 2017 e, polo tanto, non merece recadar nin un euro de máis da veciñanza”. Santiago Fernández Rocha explica que o devandito canon é unha taxa que factura a administración local pero que percibe a Xunta. “Faino ademais seguindo un criterio inversamente proporcional entre o número de residentes na vivenda e a cantidade de litros de auga consumidos: cantas máis persoas, menos canon. Sen embargo, estamos convencidos de que ningún dos dous organismos está a publicitar entre os abonados a letra pequena do cálculo, o que propicia que moitos deles paguen máis por este concepto do que deberían”. “Se non se especifica cantas persoas conviven na mesma casa – continúa o voceiro de Lugonovo – a lei establece unha presunción de tres membros por fogar e, segundo iso, lle aplica por defecto un gravame”. E traslada o que acontece co seguinte exemplo: “unha vivenda, na que se consuman 30 metros cúbicos de auga ao trimestre, se ten rexistrados 5 residentes, paga polo canon deses tres meses un total de 1’53 euros. Pero se non se notifican os integrantes da unidade familiar, a Xunta presupón que son tres e, polos mesmos litros, cobra 8’10€; é dicir, 6’57€ de máis”. Os edís e a edil de Lugonovo cren que debe ser o Concello, como emisor dos recibos, quen advirta á poboación de que se están a cometer estes excesos e os asesore sobre cómo tramitar a súa corrección a través de Augas de Galicia. Refiren, ademais, o caso de Valdoviño (A Coruña), onde a información que recolle os descontos que se poden solicitar e cómo pedilos figura na páxina web municipal, a diferenza do que acontece aquí. “Porque proceda dunha institución non é menos abuso. E neste caso, non se pode considerar doutra maneira. Os lucenses non recibirán ningunha contrapartida polo millón dous centos mil euros que a Xunta recolleu con este tributo doméstico en 2016 na nosa cidade, así que todo o que levou de máis xa alcanza a categoría de doazón altruísta”, lamenta Fernández Rocha. O portavoz da formación salienta que, con este proceder, se pode considerar que o executivo autonómico non respecta o concepto finalista do canon. “O propio Decreto 136/2012 que o regula estipulaba que a taxa debía reverter no mesmo obxectivo que xustificou a súa recadación. E só cómpre visitar as parroquias do rural para ver cánto están de saneadas e cómo repercutiu nelas este imposto”, conclúe.