Lugonovo cualifica de aposta valente a decisión do executivo de non recorrer a sentenza do Garañón

Torres do Garañón Os edís e a edil de Lugonovo amosan a súa satisfacción pola decisión do equipo de goberno de non recorrer a sentenza do Garañón ante o Tribunal Supremo e cualifican a súa determinación como unha aposta valente. “O criterio sustancia o que Lugonovo mantivo dende o inicio, que as torres eran ilegais e ilegalizables o que abocaba, inevitablemente, ao seu derrubo”, apunta Santiago Fernández Rocha. Para os concelleiros e a concelleira da formación o anuncio supón o remate dun pesadelo e a victoria da cidadanía que, encabezada pola Asociación pola defensa do Parque de Rosalía, mantivo durante anos unha loita constante que, por fin, ten a súa compensación. “Este é o primeiro paso – abonda Fernández Rocha – para que os lucenses recuperen un espazo e unha paisaxe que nunca debeu deixar de ser súa. Acatar o ditamen do TSXG significa que, máis pronto que tarde, o edificio pasará a ser historia ao mesmo tempo que simboliza o fin dunha etapa vergoñenta marcada pola especulación urbanística.” Para o portavoz do Grupo Municipal, “seguir batallando nos xulgados era unha causa perdida, un pozo sen fondo que só conlevaría a malgastar, sen sentido e de forma irresponsable, máis cartos públicos co pretexto de defender o indefendible e en contra do clamor social”. Dende Lugonovo agardan que nos vindeiros días se concrete o procedemento a desenvolver para materializar a demolición do inmoble e, unha vez máis, lembran que esta acción non influirá na contía da compensación que reciba o construtor. “Independentemente de quen a abone, a licenza que lle foi concedida outórgalle unha serie de dereitos polos que terá que recibir unha contrapartida ao demostrarse, finalmente, que o permiso non era legal”. Santiago Fernández Rocha insiste ademais na necesidade de revisar pormenorizamente e de forma obxectiva o convenio para clarificar se contén algunha estipulación ilícita que poida invalidalo así como iniciar, canto antes, as negociacións co promotor para tratar de diminuir o prexuizo económico que terá, para as arcas do Concello, eliminar o Garañón.