Lugonovo considera un paso atrás que non se revise o convenio do Garañón para acadar a súa nulidade

Garañón 2 Os edís e a edil de Lugonovo consideran un “auténtico retroceso” a intención, que esta mañá deu a entender a propia alcaldesa, de renunciar a un análise pormenorizado do convenio do Garañón para tratar de clarificar se contén algunha estipulación ilícita que o invalide e, sobre todo, que contribúa a evitar a reclamación do construtor polo lucro cesante causado, “cando vemos, ademais, que esa intención pola súa parte é manifesta”. “Para Lugonovo unha das claves do proceso xudicial era determinar se o documento asinado resultaba lesivo para o Concello, unha circunstancia que podería ser crucial para anulalo e liberar a administración local de ter que asumir unha cuantiosa indemnización ao promotor do inmoble”, explica Iñaki García. “Desistir de facelo para nós – continúa o concelleiro – só evidenciaría dúas cousas. A primeira, que optar por non seguir recorrendo a sentenza foi exclusivamente unha manobra efectista, na procura de réditos electorais e tendo en conta que a alegación ante o Tribunal Supremo estaba abocada ao fracaso. E a segunda: que, na realidade, a alcaldesa estaría disposta a sacrificar a tódolos lucenses e os fondos públicos con tal de protexer a honorabilidade xa perdida de quen consentiu que nas Costas do Parque se erguera a evidencia maíuscula de que na capital existía a especulación urbanística”. Dende a formación pídese ao equipo de goberno que reflexione sobre a súa determinación e non desbote a posibilidade de estudar a fondo o convenio para tratar de declaralo ilegal. “Sopese, señora Méndez – conclúe García Gómez, que trala acertada decisión de onte, sobre o seu mandato tamén figurará que escolleu levar á ruína ás arcas municipais por priorizar os intereses de partido sobre os da cidadanía”.