Lugonovo advirte que algunhas das obras da Mostra de Teatro só levan 9 entradas vendidas

 “Pouca difusión e nula organización”.

A edil Cristina Pérez Herráiz cre que, pola traxectoria que leva, a Mostra de Teatro Clásico vai camiño de ser un “desastre” e apunta como principal motivo ao criterio pouco afortunado de romper co formato e coa programación habitual. “De ser unha cita cultural de gran nivel e con moita repercusión en todo o país, pasou a converterse nunha sucesión deslabaza de espectáculos, espallados arbitrariamente durante dous meses e pouco publicitados o que, seguramente, suporá non só unha merma de asistentes senón tamén da recadación.

E, de feito, a día de hoxe, O sono dunha noite de verán, prevista para o 4 de marzo, leva vendidas 200 entradas, máis ou menos a cuarta parte do aforo; ao redor de 40 para ver Quijote, el vértigo de Sancho; e 9 para Medea Salvaxe?”. A edil de Lugonovo solicitará na vindeira Comisión de Cultura os datos relativos ao investimento municipal no devandito ciclo así como as cifras correspondentes á afluencia que tiveron as representacións, coa fin de poder elaborar unha comparativa sobre a recadación obtida e o éxito entre o público desta edición e as dos exercicios anteriores.

”É inevitable pensar que poucos se van arriscar a mercar un bono completo para acudir aos pases se iso signfica ter que facer planes con máis de 40 días de antelación”. “Temos a triste sensación de que a improvisación é o concepto que mellor define a forma de operar desta área de goberno. Ademais do hoxe manifestado, parécenos de pouca seriedade anunciar a apertura dos museos durante as festas do Entroido a véspera da propia fin de semana. Sendo unha importante falta de consideración cos traballadores, denota un proceder aleatorio e aboca a que a promoción que se faga desa ampliación de horarios dea poucos froitos”, advirte Pérez Herráiz.

Esta non é a primeira vez que os concelleiros e concelleira da formación denuncian a errada estratexia de divulgación que se fai da axenda cultural do municipio o que desaproveita os recursos públicos empregados na súa contratación e tampouco lle saca o suficiente partido á calidade das actuacións previstas. Dende Lugonovo apostan porque a cultura local transcenda como un valor máis do interese turístico da cidade para o que é preciso unha mellora da coordinación e da difusión dos actos programados.