Lugonovo cre que os readares locais poderían non estar aplicando correctamente a marxe de erro imposto por lei

Lugonovo preguntará cal é o procedemento co que se calcula a marxe de erro obrigatoria nos radares do municipio ante a sospeita de que non se está aplicando axeitadamente.

“A Orde ITC 3123/2010 de 26 de novembro regula o control metrolóxico dos instrumentos destinados a medir a velocidade dos vehículos a motor e establece un erro tolerado nestes dispositivos de 7 km/hora para velocidades inferiores a 100 km/h ou do 7% se a velocidade é igual ou superior. Sen embargo, parece ser que esta marxe non ten aplicación a partir do segundo tramo das sancións”.

O seguinte exemplo concreta a explicación de Santiago Fernández Rocha. Circulando por unha autovía, o radar xa está programado para que non salte ate os 128 km/h, (aproximadamente) tendo en conta a devandita marxe. Se o condutor circula por debaixo dos 150 km/h (o primeiro tramo), a velocidade que detecta o cinemómetro xa inclúe esa rebaixa do 7%.

Sen embargo, cando outro vehículo pasa polo mesmo punto a 160 km/hora, esa velocidade é a que reflicte literalmente a fotografía, non a diminúe no 7% como lle correspondería. ¿E en que se traduce todo isto? En 300 € de multa e dous puntos do carné para o automobilista, mentres que se funcionara o marxe de erro do 7%, tamén para ese segundo tramo, a velocidade que figuraría na imaxe sería de 148 km/h e a penalización que conlevaría, de 100€.

“Queremos saber se, xa que logo o resultado que aparece na foto é un dato sen corrixir dado que o radar non contempla de forma automática a marxe de erro, a debida redución se aplica posteriormente á hora de impoñer a sanción”. O voceiro de Lugonovo reflicte que Automovilistas Europeos Asociados detectou que, por esta circunstancia, se impuxeron, dende 2010, máis de 300.000 multas en toda España con importes e detración de puntos superiores aos establecidos na Lei de Seguridade Vial.

“Este proceder de Tráfico conta, actualmente, con máis dun cento de sentenzas en contra aínda que logo depende do criterio do xuiz determinar se anula por completo a sanción ou lle rebaixa unicamente o exceso. En calquera caso, consultaremos cal é a fórmula coa que se está operando en Lugo, se tralo primeiro tramo de infracción se aplica manualmente esa marxe de erro do 7% porque, de non ser así, instaremos ao goberno a que faga cumprir a normativa con seriedade no municipio. Nas administracións públicas nunca debe primar o afán recadatorio en detrimento dos dereitos dos cidadáns”, conclúe.