Lugonovo solicita a creación dun itinerario escolar seguro para o alumnado do Ceip de Albeiros

Polas cunetas, en fila india, aproveitando a escasa marxe que queda coa calzada, mollando os pés nos charcos, sorteando os lameiros e pendentes de non recibir un golpe dos vehículos que circulan ao seu carón sen, ademais, gota de iluminación que os acompañe. Nestas condicións, é como cada xornada, un tercio do alumnado acode ao Ceip de Albeiros.

“Resulta clamorosa a situación na que se atopan estes nenos e nenas. Dos 300 estudantes do colexio, máis dun cento comprometen a diario a súa integridade intentando chegar ao centro ante a pasividade absoluta da administración local que leva anos sen dar nin un paso para mellorar a seguridade viaria da contorna”, reprocha Santiago Fernández Rocha.

O portavoz de Lugonovo percorreu as inmediacións da escola para comprobar cal era a calidade das dotacións públicas. A conclusión é demoledora: “ningunha! Pouco máis dunha beirarrúa na zona oeste das instalacións. O resto, Rúa de Ons, de Arousa, das Sisargas… fan gala do seu propio nome, completamente ailladas de todo desenvolvemento urbanístico”. “Non é de extrañar, continúa Fernández Rocha, o importante descontento e malestar que reina entre a comunidade educativa. Síntense completamente abandonados, ignorados, en definitiva, polo Concello”.

O voceiro refire que as vías que rodean ao Ceip de Albeiros son, moitas delas, de dobre dirección, onde os coches transitan a velocidades elevadas, e apunta á proximidade da Rolda Norte. “Son estradas con moita afluencia, sen espazos axeitados para camiñar e cunha sinalización vertical e horizontal máis ben escasa. Cremos que fan falta máis pasos de peóns, máis indicadores luminosos que alerten aos condutores da súa localización e, sobre todo, é urxente a instalación de máis alumeado público que visibilice non só aos cativos senón tamén ao resto de veciños que precisan realizar este percorrido”.

Os edís e a edil de Lugonovo consideran que a realidade obriga a elaborar, con celeridade, un estudo pormenorizado avaliando os puntos de risco que cómpre corrixir con maior uxencia e instan ao executivo a poñerse mans a obra e crear, igualmente, unha serie de itinerarios escolares que cumpran coas maiores garantías posibles de protección dos viandantes, “antes de ter que lamentar algún desgusto”.