Lugonovo solicita o amaño da calzada na rúa García Portela

“Parecen champiñóns, hai un en cada recuncho e como á maioría dos cogomelos, a auga axuda a que emerxan”.

O portavoz de Lugonovo define como un campo de minas a situación na que se atopa o asfaltado da rúa García Portela.”Parece que o fixeran a propósito para que a xente non vaia ver o Garañón!”. “Non hai metro da calzada na que non apareza unha fochanca. Algunhas son tan fondas que ademais do pé de calquera colle ata a roda dun coche, o que está a dificultar incluso a manobra dos condutores á hora de aparcar porque o neumático se atasca durante os xiros.

Santiago Fernández Rocha cualifica de “incrible” que nunha das vías máis importantes e céntricas da capital o descoido municipal chegue a estas magnitudes.

“Estamos a falar de que nas inmedicacións hai varios centros educativos, unhas pistas polideportivas, a Audiencia e os Xulgados, instalacións sanitarias e o espazo verde máis emblemático da cidade, ademais de terse constituído nunha das zonas con maior número de prazas de estacionamento público dispoñibles. Non pode ser que a adminstración a manteña neste estado durante meses cando ademais, en xornadas de choiva coma esta, a problemática afecta asemade aos peóns aos que alcanzan as salpicaduras”.

“Cómpre tomar medidas e tomalas xa – advirte o voceiro do Grupo Municipal – por iso instaremos ao goberno cun rogo na próxima Comisión de Infraestruturas a que acometa canto antes unha mellora do pavimento coa fin de que esta avenida recupere unhas condicións óptimas para a circulación”.