Lugonovo denuncia o rápido e inexplicable deterioro da rúa Fermín Rivera

Van camiño de converterse nos 55.000 euros menos rendibeis de tódalas obras acometidas na capital.

“De pouco serviu o investimento provincial destinado a repavimentar Fermín Rivera a xulgar polo estado no que, só seis meses despois,  se atopa esta rúa”. O portavoz de Lugonovo explica que o asfaltado dunha parte da calzada está completamente estragado, “presentando ademais numerosas pozas, gretas e grava solta”.

“Non se entende moi ben como, nin medio ano despois de intervir nela, a vía amosa unas condicións case tan calamitosas como a súa situación anterior. Sorpréndenos moito que as administracións mediten tanto as adxudicacións para o adecentamento das estradas pero logo, polo que se evidencia, non se mostren igual de rigurosas e estritas coa supervisión das mesmas”. Santiago Fernández Rocha rememora o comezo dos traballos nesta parte da cidade,  en setembro de 2016, aos que dera inicio unha “oportuna fotografía electoral de Darío Campos e Lara Méndez  visitando a zona. Parece ser que a comprobación in situ non resultou tan eficaz como debera”, insiste.

“Fermín Rivera pertence á Deputación pero naquel momento – refire o voceiro – xustificou a imaxe o feito de que a vía podería pasar a ser de titularidade municipal en canto rematase o seu acondicionamento. Pero onde está a mellora? Porque hoxe vese perfectamente que non existe tal”. Dende Lugonovo, os edís e a edil instan ao executivo local a esixir responsabilidades sobre o resultado da obra, atendendo ás expectativas de que, nun futuro próximo, esta rúa pase a ser da súa competencia. “Non se pode ter dúas varas de medir dependendo de se a dación procede dun organismo amigo ou non, a non ser que a actuación fora só un lavado de cara orientado máis ao beneficio partidista que ao interés xeral.

O que cómpre agora é frear o deterioro e tomar as medidas oportunas para que este espazo reúna as condicións adecuadas e poida prestar un servizo axeitado á cidadanía, tendo en conta ademais a  abondosa circulación que rexistra”.