Lugonovo cre que debe valorarse con cautela a decisión do TSXG sobre o PXOM

Cautela. Os edis e a edil de Lugonovo considérano o termo máis axeitado para definir o seu posicionamento con relación á sentenza do TSXG sobre o PXOM.

“Falamos de cautela, porque o ditame pódese recorrer ante o Supremo e sería este Tribunal quen tería a derradeira palabra ao respecto, concorde ou non co pronunciamento do órgano galego. Tiramos da mesma prudencia para o 5% que afecta ao rural, que segue pendente de aprobación e non exento de polémica, e precaución tamén polo percorrido legal que se agocha detrás da ausencia do estudo de impacto ambiental”. Iñaki García refire que a formación acolle con moita mesura a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, por estes tres motivos mais insiste na valoración que Lugonovo mantivo dende o inicio sobre o documento.

“Sempre dixemos que non nos identificabamos co seu contido por ser un plan excesivamente expansionista e conivente cos intereses dos promotores en detrimento dos da cidadanía. Por iso propoñemos iniciar canto antes a súa revisión, con sosego e serenidade pero sen dilacións e coa fin de traballar en acadar unha cidade máis compacta e humana, máis atractiva e sensata e sobre todo mellor adaptada a súa singularidade histórica”.

“Aínda queda moita incertidume que despexar, por iso cremos que o máis importante agora é axilizar o resto de trámites pendentes como é, entre outros, rematar o estudo hidrolóxico e disipar o suspense e as inseguridades que se poidan desprender da situación urbanística na que se atopa a cidade”, destaca o edil. García Gómez admite que un pronunciamento contrario suporía a obriga de retrotraerse ao Plan do 91, moito máis lesivo e prexudicial para o desenvolvemento do municipio. Do mesmo xeito que considera que a noticia podería supoñer outro “afortunado golpe ao Garañón”.

“Sería o pulo definitivo que obriga ao Concello a tratar de anular o convenio. Agardamos, por tanto, que a aclaración  xurídica que o executivo pensa solicitar ao respecto teña como fondo primeiro fornecerse na súa intención de derrubar as torres e, segundo, protexer os intereses da veciñanza e non continuar mareando a perdiz para atopar algún resquicio que, crea, o xustifique en seguir defendendo o indefendible”, advirte o edil de Lugonovo.

“Este é o momento de rearmarse para protexer o interés público, a eso é ao que pode dar pé esta sentenza no caso do Garañón, e esa circunstancia é a que administración debe aproveitar. Para o demais, cremos máis atinada a cautela.”