Lugonovo propón elaborar un inventario municipal e un plan de retirada do amianto

Amianto cero. Con esa intención Lugonovo propón unha iniciativa para erradicar progresivamente das rúas, os edificios públicos e mesmo das vivendas particulares este material.

“O amianto empregouse dunha forma recorrente ate a década dos 80 cando as autoridades médicas demostraron que os produtos relacionados con el provocaban cancro cunha elevada mortalidade. Para cando se prohibiu o seu uso, en 2001 en España e en 2005 en Europa, o asbesto xa formaba parte de moitos elementos construtivos como as placas de uralita, as tubaxes e mesmo de pezas da automoción”, indica o portavoz. Case dúas décadas despois e aínda que a súa retirada foi progresiva, esta substancia segue moi presente na maioría das cidades e Lugo non é allea.

“Resulta significativo, como exemplo, que só en Málaga se detectaran en 2016 máis de 3.500 edificios que a contiñan e aquí, na capital, pódese atopar nas cubertas de centos de construcións”, refire Santiago Fernández Rocha. “Precisamente o que queremos é que o executivo realice un estudo que permita elaborar un mapa local no que figuren os inmobles de xestión municipal que posúen amianto, así como aquelas rúas nas que a rede de saneamento e abastecemento segue a ser de fibrocemento. Ese inventario resulta imprescindible  – subliña o voceiro – tanto para poder acometer con tódalas garantías a súa total supresión como para indicar da súa existencia e que a manipulación se faga coas precaucións debidas”.

Nesa liña a formación ven de rexistrar unha batería de cuestións para que o goberno clarifique ata qué punto a administración ten identificados os achados deste silicato no municipio e dea conta dos traballos de substitución feitos durante o actual mandato. Por outra banda, Fernández Rocha, levará á mesa das ordenanzas unha proposta de bonificación ao Icio (Imposto de Construcións, Instalacións e Obras) para minimizar o custo das reformas privadas que teñan por obxecto desfacerse dos illamentos que conteñen asbesto.

“Aínda que non se trata de crear ningunha alarma social, cremos convinte non esquecerse do asunto. Localizar as instalacións e enclaves nos que segue habendo este perigoso residuo parécenos unha prioridade, comezando polos centros educativos. Pero tamén sería a mellor ferramenta para iniciar a planificación da súa eliminación dunha forma paulatina, entendemos, chegando incluso a convenios coa Xunta de Galicia para este cometido. A concienciación da cidadanía é igualmente crucial para o que atopamos preciso a posta en marcha dunha campaña de información na que tamén deberan figurar, de aprobarse, as axudas fiscais que promoveremos dende Lugonovo”, conclúe  Santiago Fernández Rocha.