Lugonovo solicita a mellora da seguridade viaria na contorna dos centros educativos da Piringalla

Aumentar a seguridade viaria na contorna e garantir a protección do estudantado. Con estes obxectivos, os edís e a edil de Lugonovo presentarán na vindeira Comisión de Infraestruturas, varias iniciativas para mellorar a mobilidade do barrio da Piringalla. As medidas responden ás reivindicacións da comunidade escolar, unha das máis numerosas da cidade.

“Estamos a falar dun espazo no que coexisten tres centros distintos, o CEIP Luis Pimentel, o IES Anxel Fole e o IES Muralla de Lugo – explica Iñaki García. Xuntos superan a cifra dos 2.000 alumnos o que os convirte nunha das unidades educativas de maiores dimensións de toda Galicia. Cremos que se trata dunha circunstancia que cómpre ter en conta para adaptar as dotacións públicas á realidade da zona”.

O concelleiro de Lugonovo pon énfase na necesidade de promover o calmado do tráfico en tódalas rúas próximas ás instalacións. “Rebaixar a velocidade da circulación a 30 km/ hora é unha prioridade, en vías como Mar Cantábrico, que conduce aos Depósitos da Auga, ou por exemplo en Ángelo Colocci, dúas estradas nas que os sinistros están á orde do día”.

Dende a formación reclamarán tamén a instalación de novos pasos de peóns e o repintado dos xa existentes así como a provisión de alumeado orientado ao parque infantil Gallego Tato, cara ao que non se proxecta ningún dos farois existentes. “A área de xogo está case ás escuras. Agora, camiño da primavera, anoitece máis tarde, sen embargo, durante o outono e inverno a falta de iluminación apropiada condiciona o uso deste xardín, mermando o proveito que lle pode sacar a cidadanía. Cremos convinte, asemade, que tódalas infraestruturas do barrio precisan dunha revisión”, apunta García Gómez.

“Algúns pasos de cebra son practicamente invisibles – continúa o edil – e sorprende que xusto non exista ningún no acceso aos recintos docentes, onde viría moi acaído habilitar un pequeno treito para o cruzamento. Do mesmo xeito cremos que xa é hora de asfaltar algúns camiños que aínda se manteñen como pistas de terra agardando unha futura urbanización que non acaba de chegar. En xeral parécenos notorio o descoido, en materia de sinalización e ordenación, que se observa neste enclave polo que instaremos ao executivo a adecualo ás demandas e usos das veciñas e veciños do lugar”, conclúe.