Lugonovo tacha de extorsión consentida a exención do Ibi á Xunta a cambio do equipamento do Auditorio

Non é un trato, é un truco! Os edís e a edil de Lugonovo consideran unha tomadura de pelo que a rexedora aceptase a “chantaxe da Xunta, sen pestanexar”.

“Así non se poden defender os intereses dos lucenses, é unha mostra clara da subordinación do público ao partidista”.

Santiago Fernández Rocha critica con moita dureza que a alcaldesa transixa en condonarlle á administración autonómica o Ibi de varios inmobles ate o 2023. “A estas alturas o goberno xa non engana a ninguén. Pódeno disfrazar como queiran pero este acordo non é máis que unha extorsión consentida coa que se trata de difuminar as eivas de xestión que arrastra este executivo”. Botando contas, ao voceiro da formación non lle saen os números. “Véndese que vai o comido polo servido: os 3’6 millóns do Auditorio polos 3’6 millóns do imposto de bens inmobles que suman cinco centros asistenciais da capital.  

Pero a señora Méndez esquécese de que a Xunta, hai uns meses, puxo enriba da mesa unha proposta para investir 1’2 millóns máis na instalación cultural sempre e cando Concello e Deputación completaran o orzamento necesario”. “A oferta non gustaba pero tratábase de mellorala, nada máis lonxe do que está disposta a facer. Deste xeito, – abonda Fernández Rocha –  con esta marabillosa transacción, pasouse de estar en Guatemala, que eran os 2’4 millóns para os que había que presionar e conseguir financiamento, a estar en Guatepeor porque finalmente os tres millóns e medio enteiros terán que ser asumidos por toda a veciñanza. Núñez Feijoo estaría tolo se rexeita un convenio así: Deputación cero, Xunta cero, Lucenses tres millóns e medio! Con estes representantes non é de estrañar que logo invista o que inviste en Lugo”.

“O goberno tiña que defender o que nos corresponde e vixiar que se cumpriran os compromisos co municipio. Tocáballe liderar o proceso de negociación e sabía que o resto de institucións locais o respaldariamos nese cometido, pero preferiu instalarse na comodidade. Deixar que sexa a Xunta quen lle resolva a papeleta porque a nefasta xestión que levan desenvolvida dende que chegaron ao mandato non lles permite recorrer a outras ferramentas para desatascar o conflito. En calquera caso, non consentiremos que aínda por riba pretenda publicitalo como si se tratara de algo beneficioso”.

Os concelleiros e a concelleira de Lugonovo laianse de que o procedemento iniciado pola alcaldía “teña tódalas trazas de ser irrevogable. A necesidade de aprobar en Pleno o cambio da ordenanza correspondente vai supoñer contar co beneplácito do Partido Popular que xa leva demostrado, suficientemente, que non está aquí para defender os intereses da cidadanía senón os da propia Xunta”. Fernández Rocha advirte: “A medida terá, dende tódalas perspectivas posibles, repercusión directa nos orzamentos e, pon de manifesto, unha vez máis que, para o que verdadeiramente importa, este executivo non conta coa oposición”.