Lugonovo reprocha a dobre moral do goberno para exonerar do Ibi

Á Xunta sí, pero aos veciños non. Lugonovo pon de manifesto a dobre vara de medir do goberno local á hora de atopar fórmulas legais que posibiliten a exención do Ibi.

O portavoz lembra, que en outubro de 2015 a formación presentara unha proposición en  Pleno, aprobada pola maioría da Corporación, para axudar ás familias con menos recursos no mantemento da vivenda habitual. “Condonarlle o imposto a administración autonómica parece posible e incluso necesario, a xulgar por como nolo vende a alcaldesa. Sen embargo, o executivo transmite que a mesma acción non ten encaixe fiscal cando os beneficiarios son os veciños e veciñas que se atopan nunha situación de precariedade”.

Santiago Fernández Rocha advirte certa “elasticidade” nos criterios de xestión que mantén o equipo de Lara Méndez tras asistir, o pasado martes, ao anuncio da rexedora de intercambiar coa Xunta os cartos dos lucenses para dotar de equipamento ao Auditorio, rexeitando ademais o ofrecemento inicial de Núñez Feijoo de aportar á causa 1’2 millóns euros. “Era un mal trato asumir 2’4 millóns entre Concello e Deputación, peor acordo é que a cidadanía teña que poñer agora os tres millóns e medio que se precisan para concluír o edificio”, evidencia o voceiro.

“Resulta certamente contraditorio que aos veciños sí se lles poida pedir ese esforzo pero o goberno non sexa quen de aplicarse tamén para tratar de artellar os mecanismos que permitan, como ocorre noutras cidades, alixeirar as cargas municipais dos que menos teñen”. Fernández Rocha destaca que, a día de hoxe, na cidade residen moitas familias que cada mes afrontan, con infinitas dificultades, a manutención dos fillos e do resto de persoas que dependen delas, os gastos educativos e sanitarios que poidan ter así como a subministración enerxética das súas vivendas. 

“Fogares nos que a maioría dos seus integrantes teñen traballos precarios, nos que entran contados ingresos que non abondan para cubrir as principais necesidades e nos que se perpetúa a desprotección económica e social”. “Cremos que as Administracións – conclúe o portavoz de Lugonovo –  sempre que sexa posible, deben desenvolver unha función de tutela, arroupando á poboación máis desfavorecida con solucións eficaces e inmediatas.  E por iso propuxemos no seu día que se convocase un sistema de subvencións que paliara algúns dos efectos da crise. É unha mágoa que o goberno considere que, co que xa hai, abonda e que escolla dispoñer dos cartos públicos en vez de para ese fin, para agasallar á Xunta”.