Lugonovo instará ao goberno a aplicar a marxe de erro dos radares en tódolos tramos de sancións

Os radares fixos da cidade detectaron 2.249 infraccións en 2016. “Máis da metade continúan en período de reclamación e cremos que, para aquelas que foron impostas do segundo tramo de limitación en diante, é dicir, a partir dos 71km/hora, a súa alegación ten moitos visos de prosperar ante a posibilidade de que na súa tramitación non se contemplara a marxe de erro establecido por lei”.

O voceiro de Lugonovo chega a esta conclusión tras analizar as respostas da Policía ás cuestións remitidas ao respecto, hai uns días, pola formación. Os edís e a edil do Grupo Municipal advertían que os dispositivos só viñan preparados para aplicar a marxe de erro no primeiro treito da multa, porque o radar non salta ata alcanzalo, pero nos seguintes a velocidade que recolle o cinemómetro non resta os kilómetros proporcionais a ese desconto.

“Preguntamos de que maneira se estaba a facer, entendendo que, ao non ser automáticamente, debía obedecer a un procedemento manual  e durante o seu curso administrativo. Sen embargo, a contestación recibida convida a pensar que non é así, que a única dedución tanxible é a mecánica polo que o resto das denuncias interpostas poderían estar mal tipificadas”, advirte Santiago Fernández Rocha. As cifras non son irrisorias.

Dos catro dispositivos que operan na capital o de Infanta Helena é o máis rendible con 890 sancións emitidas durante o pasado exercicio. O segundo posto é para o que se atopa na Ronda da Muralla, a altura do Carme, con 766 infraccións, seguido do sito ante a Delegación da Xunta de Galicia con 359 e, por último, o da Avenida de Madrid con 234. Só 173 condutores presentaron recurso pero, a tenor disto, máis de mil estarían aínda en disposición de facelo se foron multados por circular superando os 71 km/hora.

O que podería supoñer tamén unha considerablemente merma da recadación voluntaria obtida ata o momento que ascende a 159.300 euros. “Pode ser que moitos deles foran castigados,  ademais de cunha retirada de puntos indebida, cun importe económico superior ao que lles correspondía. Non sería un caso aillado, nos últimos anos Tráfico xestionou de forma incorrecta máis de 300.000 multas en todo o Estado que deron pé a case unha ducia de sentenzas en contra deste procemento”, relata o portavoz de Lugonovo. Ante as incertezas de que en Lugo poida estar ocorrendo o mesmo, os concelleiros e a concelleira da formación instarán ao goberno para que, coa fórmula máis oportuna, esixa que a Policía acometa a verificación manual da Orde ITC/3123/2010 de 26 de Novembro e a teña en conta na totalidade dos tramos sancionadores.

“Levaremos un rogo ao Pleno para que en base ao artigo 124 da Lei de Bases de Réxime Local, a alcaldesa, como responsable directa da xefatura de Policía, vele para que así se cumpra”, conclúe Santiago Fernández Rocha.