Lugonovo pide un estudo de custos e un regulamento para o servizo da auga

Lugonovo proporá no vindeiro Pleno que se elabore un estudo de custos do Servizo Municipal da Auga.

“Non se pode poñer o parche antes da ferida ou, polo menos, ata ter feito un diagnóstico axeitado sobre todo, cando a terapia da que se fala apunta a unha modificación de tarifas”. Santiago Fernández Rocha refírese nestes termos á importancia de coñecer con exactitude canto costa desenvolver a prestación para que facela rendible teña o menor impacto posible no peto dos consumidores.

“A subministración da auga é un servizo deficitario pero antes de tomar medidas drásticas que afecten á veciñanza cómpre cerciorarse de que as perdas que ocasiona non proveñen dunha xerencia desordenada e ineficaz ou mesmo dun derroche dos recursos alleo á cidadanía”, advirte o voceiro. Fernández Rocha considera que os cimentos para que así sexa dependen, primeiramente, de que esta sección municipal goce de estabilidade e de estrutura propia. “En cada mandato o departamento pasa a depender dunha concellería diferente e isto tamén resulta contraproducente á hora de manter os criterios de xestión así como a supervisión e o control das súas intervencións”.

“Ademais – abonda o portavoz – o feito de que actualmente a maioría dos contadores estean desfasados, de que as brigadas non poidan dispoñer da planimetría da rede de abastecemento ou de que non exista un plan de control de fugas, son aspectos determinantes que, para Lugonovo, débense corrixir antes de pensar en incrementar a factura porque, posiblemente, moito do despilfarro detectado proveña de aí”. Semanas atrás a formación denunciara que, na actualidade, o rego de xardíns e o baldeo das rúas faise con auga potable no canto de depurada, que vale case a metade sin que, tan sequera, se saiba o número de litros destinados a tal fin.

“O último análise dos custos procede do ano 2012, explica Santiago Fernández Rocha.  Nese momento o investimento público rondaba os 5.700.000 euros e o seu estudo permitiu detectar que rexistraba unhas perdas do 37%. A partir de entonces e, ante a falta de informes oficiais, tódalas referencias das que dispoñemos son paos de cego, importes deslabazados pero, iso si, con malas perspectivas. En 2015, por exemplo, non se facturou o 46% da subministración e todo apunta a que, no exercicio pasado, a recadación non foi moito mellor”.

Segundo os datos aos que tivo acceso Lugonovo, en 2016 a administración local investiu 1.550.000 euros en potabilizar case 9 millóns de metros cúbicos de agua e 1.900.000€ en depurar 20 millóns de metros cúbicos. Importes aos que cómpre sumar máis dun millón de euros polo impulso da auga dende á depuradora ata os depósitos e outros 283.000€ polo mantemento destas dependencias. “Faltarían por engadir os gastos de persoal, material e tamén o valor das obras e traballos de mellora acometidos, moito máis difíciles de calcular xa que atinguen a varios departamentos distintos”.

Que o contrato leve, asemade, cinco anos caduco, envolve de máis sombras, para os edís e a edil de Lugonovo todo o que concerne a esta concesión, excesivamente dilatada no tempo sen ningunha xustificación. Por iso atopan convinte que, de xeito parello, se redacte, así mesmo, e poña en vigor un regulamento do servizo.

“Lugo é unha das poucas localidades de todo o Estado que aínda non conta con este marco legal, unha ferramenta imprescindible para elevar á categoría de garantía os dereitos e as obrigas que tanto os abonados como o Concello teñen respecto a este servizo. Un instrumento clave que, entre outras cuestións, permitiría clarificar quen pode ter acceso á rede municipal coa fin de mellorar o seu control e de minimizar o impacto dunha manipulación incorrecta que é un dos motivos que se agochan detrás de boa parte das averías”, remata Fernández Rocha.