Lugonovo denuncia que o Concello paga medio millón de euros ao ano a Cechalva por retirar unha media de 2'5 coches ao día coas grúas que xa son de propiedade municipal

Sen contrato, dunha forma irregular e coa obxección, mes a mes, do interventor por abocar á administración a pagar contra factura unha prestación que, por riba, non é leal coas necesidades reais da cidade o que, “convida a pensar que obedece a unha sobredimensión intencionada”. Nesta situación o goberno mantén dende decembro de 2015 o servizo de retirada de vehículos da vía pública.

O denuncia Lugonovo tras comprobar que, dende que expirou a concesión e as dotacións pasaron a ser municipais, a adxudicataria está a percibir o mesmo importe que cando era dona do material. “Se os vehículos xa están amortizados pódese deducir que agora Cechalva está incluso mellor gratificada que antes”. Unha realidade que para Santiago Fernández Rocha non é “nin fortuíta nin aleatoria”. 

“Non é que o executivo non saiba botar as contas nin para sumar os días nos que se acumulan os reparos de legalidade, nin para medir que o que se paga polo servizo está completamente descompensado respecto ao que se lle demanda”. Así o portavoz de Lugonovo refire que o medio millón de euros anual que se embolsou a filial de Vendex en 2016 a conta das arcas públicas foi por efectuar un total de 933 saídas, “é dicir, por retirar unha media de 2’5 coches ao día; debe ser un pola mañá, outro pola tarde e unha moto pola noite”, ironiza Fernández Rocha quen tamén remarca a escasa utilidade que durante todo este tempo tivo a plataforma especial, que só percorreu 6.000 km dende 2005”.

“Despois de ano medio no limbo administrativo houbo moito tempo para reflexionar sobre o que se quere facer con este servizo. No seu día os técnicos municipais recomendaron a fórmula do contrato ponte para darlle unha saída a esta adxudicación tan cuestionada públicamente. Conscientes de que a licitación expiraba, nada se fixo e nese mesmo punto, en calma chicha, continúa o goberno agora, mantendo nunha postura que só se pode entender como que o seu silenzo outorga e consinte.” Os edís e a edil de Lugonovo poñen o foco ademais no despilfarro que supón, asemade, pagar polas instalacións que serven de depósito municipal.

“A institución dispón de alternativas, ben no antigo matadoiro ben nos terreos que lindan coa sede da Policía Local, para cumprir as mesmas funcións… e gratis”, lembra Santiago Fernández Rocha, “en definitiva, un dispendio inexplicable”. Ao seu xuízo, todo o contexto que atingue a esta concesión é “absolutamente irregular”.

Ao anteriormente exposto, o voceiro da formación engade que os 11 traballadores do servizo comezan a amosar preocupación polo futuro das súas nóminas. “O Concello leva medio ano sen ingresarlle nada á compañía debido á complexidade burocrática que conlevan todas estas anomalías, responsabilidade, única e exclusivamente da vontade política do equipo de Lara Méndez. É sen ningunha dúbida froito dunha xestión para enmarcar”, conclúe.