Lugonovo estima en máis de 25 millóns de euros os cartos públicos que o Concello leva pagados, contra factura, a empresas investigadas pola Pokemon

“¿Qué terá ese círculo do que o PSOE non sae?” A pregunta faina o portavoz de Lugonovo á vista de que os contratos máis onerosos para o Concello coinciden cos que o executivo persiste en manter caducos, ano tras ano, e todos en mans de empresas investigadas, en maior ou menor medida, dentro da trama Pokemon.

“O abastecemento e saneamento da rede de augas, lévaos contra factura Gestagua (que por sí sós xa suman preto de 20 millóns de euros dende 2011); o mantemento do alumeado público, Esycsa; o guindastre, Cechalva e a xestión dos museos, Sermasa. Dende hai un lustro o goteo de concesións que foron concluíndo deu paso a unha sucesión, polo visto, irremediable, infinita e inagotable de reparos de legalidade que non chegaron a causar ningún efecto sobre a conciencia do executivo; do anterior e do actual que parecen non ter intención ningunha de rematar con esta rea de irregularidades”.

Santiago Fernández Rocha apunta que no que leva avanzado este mandato a Xunta de Goberno Local non foi quen de aprobar ningunha das grandes licitacións. Outros servizos, como o da recollida de animais abandonados na vía pública, moi avanzada na súa redacción polos técnicos municipais, ou a da atención ao público nos Museos, xa finalizada, agardan á mínima mostra de vontade política para aprobalas e sacalas a concurso.

“En 2015 a responsable de economía comprometeuse a ter saneados, antes dun ano, os expedientes esgotados. Case dous exercicios despois, dos de maior importe, non hai ningún executado. Ao contrario, en 2017 a lista das vergonzas sigue engrosando con catro máis: os que rixen a Atención Telefónica á Cidadanía (010), o da Coordinación e Desenvolvemento de Actividades nos Centros Municipais Casa da Xuventude e Casa da Música, o de Mantemento de Aplicacións Informáticas e o de Mantemento do Portal Municipal”, detalla o voceiro.

“Todo segue igual que estaba: paralizado e borroso pero en maiores proporcións. Ao principio un pode pensar que se debe á falta de adaptación ao cargo, ao pouco rodaxe no funcionamento da institución e dos seus procedementos pero a perpetuidade da situación, mes tras mes e máis de 25 millóns de euros despois, dá pé a arroxar outras conclusións”, advirte Fernández Rocha.

O portavoz subliña que, dende hai media década, cando comezaron a expirar a maioría das adxudicacións que aínda así continúan, as condicións do mercado respecto á negociación contractual foron variando “pero non para estas empresas (Gestagua, Esycsa, Cechalva, Sermasa, etc…) que seguen a prestar o seu servizo en base a uns requisitos que, seguramente, non se axustarían nin ás necesidades actuais nin á realidade económica do Concello. E para mostra, o caso da grúa”. Algo que vai camiño de repetirse con Urbaser, que proximamente, pasará a ser outra das compañías que opere coas obxeccións do interventor.

“Haberá que lembrarlle ao equipo de Lara Méndez que foi apoiado para defender os intereses dos lucenses e non os das empresas que é o que evidencia con este proceder”, conclúe Santiago Fernández Rocha.