Lugonovo matiza os datos de asistencia á Mostra de Teatro facilitados polo goberno

A concelleira de Lugonovo, Cristina Pérez Herráiz considera que a edil de Cultura “cociña os datos de asistencia á XVII Mostra de Teatro Clásico” para disimular a diminución do público con relación aos espectáculos do ano anterior.

“Carmen Basadre cifra en 5.500 as entradas vendidas porque inclúe nelas tanto aos nenos como ás familias que acudiron á sesión gratuíta do venres 3 de febreiro no Auditorio Gustavo Freire, pola mañá, durante o seu horario lectivo. Mais se botamos as contas como é debido, nesta edición, entre a seccción Oficial, na que participaron 2772 persoas, e a Off, á que foron 579, non  se chegou aos 2900 espectadores en total”. Pérez Herráiz apunta que o ano pasado só as obras da sección Oficial conseguiron encher 5147 butacas e refire unha importante merma tamén do número de bonos vendidos con relación á pasada convocatoria.

“En 2016 mercáronse 169 e nesta 120, é dicir 49 pases menos o que supón un porcentaxe do 29%. Isto evidencia, como advertimos hai varias semanas, que a organización non estivo á altura das expectativas xeradas, ata o momento, por esta cita cultural”.

A edil de Lugonovo valora que “a Mostra é un ben para a cidade que hai que seguir promovendo e non deixar que decaiga. Dun ano para outro experimentou unha significativa diminución que anima a seguir traballando pero tamén a analizar os por qués desta baixada para que non volva suceder”. “Cremos que esto sí é unha forma de dinamizar a vida social e cultural da cidade – apunta Pérez Herráiz –  e non os concertos polémicos que custaron case tanto como toda a Mostra enteira”.