Lugonovo denuncia escurantismo sobre as condicións nas que se xestiona a publicidade das marquesiñas

Caduca dende setembro de 2016, tras 15 anos de concesión, a xestión da publicidade nas marquesiñas do bus atópase, segundo Lugonovo, envolta na “máis absoluta opacidade”.

¿Quen se beneficia agora mesmo da explotación destes espazos expositivos? ¿É o Concello? ¿E canto percibe por eles? ¿Ou segue a ser a empresa? Entón, ¿por qué o executivo non a insta a repoñer as instalacións que se atopan en mal estado? Os edís e a edil da formación levan tres meses agardando a que o goberno aclare todas estas cuestións, formuladas por escrito no pasado decembro. Preguntas que ate o momento só obtiveron como resposta un silenzo que “xa dá pé a outro tipo de interrogantes”.

“Non sabemos a qué obedece este escurantismo” –  abonda Santiago Fernández Rocha – “pero nin formalmente se nos deu contestación nin tampouco a través do portal municipal se lle pode seguir o rastro a este asunto. Estamos a falar dunha adxudicación que, de regularizarse, pode supoñer un forte investimento e unha mellora das dotacións públicas ou que, de municipalizarse, significaría unha importante inxección de ingresos para as arcas municipais. Sen embargo, así, no limbo administrativo, nin unha cousa nin a outra”. O voceiro de Lugonovo advirte que, cando menos, unha ducia das marquesiñas da cidade se atopan nunha situación calamitosa. Cos vidros estragados, estalados ou directamente sen eles, cheas de pintadas e que, debido ao seu deterioro, nalgúns casos nin sequera cumpren coas funcións para as que foron concibidas.

“Dende Serra de Meira, a Calzada das Gándaras, o Camiño da Croa e mesmo a Avenida de Madrid ou a rúa Armórica. Non hai barrio no que algunha destas estruturas sexan máis un adorno que un elemento de protección ao usuario”, lamenta Fernández Rocha. Dende o Grupo Municipal aféanlle ao executivo que non aproveitara a oportunidade de incluír esta licitación na do autobús urbano. “Era a ocasión de solucionar dous servizos de maneira conxunta, ao vencellalos á mesma adxudicación,  pulando por defender o interese dos veciños sobre calquera outra cousa”.

“Se a concesión estivera en vigor, nos termos axeitados, agora o goberno só tería que reclamarlle á empresa a substitución das pezas, pero a tesitura na que nos atopamos é ben distinta porque deixa a administración local cunha man diante e a outra detrás”, advirte o voceiro. Os concelleiros e concelleira da formación queren que o equipo de Lara Méndez ofreza explicacións sobre o futuro que lle agarda a este contrato. “Non se pode perder máis tempo sen sacar unhas novas bases e un novo prego porque cada día que pasa desperdícianse máis recursos públicos. Só hai dúas alternativas, ou sufragar os gastos de conservación ou espabilar e licitar unha nova adxudicación que inclúa a renovación das dotacións precisas e que permita sacar rendabilidade económica ás infraestruturas actuais para melloralas e aumentalas en función da próxima reestruturación das liñas”, conclúe Santiago Fernández Rocha.