Lugonovo esixe maior axilidade na retirada das canalizacións de fibrocemento

Máis dunha vintena de puntos da cidade conservan aínda amianto na rede de auga.

A Ronda das Mercedes, a Ronda e a rúa do Carme, a Raíña, Río Lea, Roi Xordo, San Isidro Labrador, Dinán, Grupo La Paz, Aviación Española, Bispo Basulto, Ameneiro, Erín, Cambria, Escocia, García Portela, a Calzada das Gándaras, a metade das rúas Armórica, Alexandre Bóveda e da Avenida Marqués de Ombreiro, a marxe esquerda de Rei Don García e do Carril dos Loureiros e a marxe dereita de Salvador de Madariaga. Este é o mapa do fibrocemento en Lugo. Santiago Fernández Rocha cre que xa é hora de axilizar o cambio das canalizacións que aínda conteñen este material, totalmente prohibido dende o ano 2002.

“O asbesto é altamente prexudicial para a saúde e ao final da súa vida útil vai perdendo propiedades polo que resulta máis sensible a sufrir roturas e fugas. Para arranxalas o persoal está obrigado a protexerse debidamente e a cumprir un protocolo de seguridade moi estrito tanto para a súa manipulación como para a súa retirada. Entendemos que eliminalas debe ser unha prioridade e que, para facelo, sería recomendable que o goberno desenvolvera un plan plurianual de substitución”. O voceiro de Lugonovo apunta esta eiva como un máis dos baleiros cos que acarrea o servizo da auga. Semanas atrás, dende a agrupación municipal, poñíanse de manifesto outras deficiencias como o feito de que o propio departamento non teña unha estrutura propia senón que depende de concellarías diferentes que varían segundo o mandato o que compromete a eficacia da súa xestión.  

“Non existe un plan de control de fugas ou de racionalización do gasto público; as brigadas, que non teñen acceso á planimetría, precisan dun reforzo de axentes especializados e conviría renovar os contadores xa que a maioría dos actuais están obsoletos e realizan as estimacións á baixa. Evidentemente, tampouco axuda que parte das dotacións, como a planta de auga reciclada, estean infrautilizadas ou que non se exerza ningún tipo de control sobre a cantidade de metros cúbicos que empregan os distintos servizos municipais”, advirte o voceiro.

Realizar un estudo de custos é, a xuízo de Fernández Rocha, indispensable para tratar de avaliar o impacto de todas estas circunstancias na rendabilidade da prestación. “O último informe ao respecto data do ano 2012 cando o déficit rondaba xa o 37 %. Un lustro despois, atopamos acaído iniciar un novo análise coa fin de concretar se a súa xestión resulta óptima para a administración, antes de acometer calquera revisión tarifaria, que afecte ao consumidor”. O portavoz de Lugonovo fala igualmente da necesidade de elaborar un regulamento no que se recollan os dereitos e obrigas dos usuarios pero tamén do Concello.

“Lugo debe ser case a única cidade de todo o Estado que aínda non conta con este marco legal. Un instrumento clave para, entre outros aspectos, limitar os accesos á rede municipal. Boa parte das avarías que se rexistran obedecen a unha manipulación incorrecta e non autorizada das instalacións”, subliña. A formación levará todas estas propostas ao Pleno do vindeiro xoves co obxectivo de acadar os compromisos do executivo para avanzar sobre seguro na tramitación do contrato da auga, caduco dende 2011.