Lugonovo urxe ao goberno a incrementar a seguridade peonil na contorna do Ceip de Albeiros

A imaxe repítese cada día á entrada e saída das clases: pequenos e pequenas desfilando polas cunetas, asediados polos vehículos que circulan a menos dun metro de separación e sen ningún elemento de seguridade que os protexa de sufrir un accidente.

Cada xornada máis dun cento de alumnos do Ceip de Albeiros, provintes de zonas como a Avenida da Coruña, Garabolos ou a Medusa, padecen unha odisea para chegar sans e salvos ao colexio. E sempre co acompañamento e baixo a constante supervisión das nais e pais que non se atreven a deixalos sós.

A denuncia partiu de Lugonovo, hai xa varias semanas. “A maioría das estradas que conectan o centro escolar coa parte oeste da cidade non contan con beirarrúas, nin con suficientes pasos de cebra, nin con indicadores que os sinalicen e moito menos con iluminación axeitada. Ningunha destas vías, que son de titularidade municipal, dispón de infraestruturas adecuadas o que unido ao intenso tráfico que rexistra a contorna, pon en perigo aos peóns e dificulta e limita o desprazamento autónomo de máis dun terzo do estudantado”, explica Santiago Fernández Rocha.

Esta problemática leva anos perpetuándose sen que a administración actúe para resolvela, xerando ademais unha fonda preocupación e moita inquedanza entre a comunidade educativa. “As medidas correctoras xa non se poden seguir adiando, non é de recibo que o executivo consinta por máis tempo esta situación” – advirte o voceiro – “queremos que o Concello elabore un estudo pormenorizado no que se avalíen os principais puntos de risco para os viandantes e, sobre todo, queremos que se interveña para eliminalos e acondicionar o espazo debidamente”.

“Ademais, solicitaremos que, segundo as conclusións obtidas, se deseñen e poñan en marcha itinerarios escolares seguros que cumpran coas maiores garantías de protección ás persoas”, engade Fernández Rocha. A agrupación municipal promoverá mañá esta iniciativa no Pleno coa finalidade de mellorar a mobilidade neste punto da capital. Unha tarefa que, segundo o portavoz “conleva tamén ao desenvolvemento socieducativo dos nenos e nenas porque potencia a súa indepencia e autoconfianza, fomenta o compañerismo e a actividade física e favorece outros aspectos como a conciliación familiar e a redución da contaminación ocasionada pola aglomeración dos turismos que se concentran á porta das instalacións”, conclúe Santiago Fernández Rocha.