Lugonovo insta a incrementar as frecuencias do bus a Calde para reforzar a integración social dos pacientes deste hospital

Lugonovo solicita o aumento das frecuencias para a liña especial do autobús que vai ata o Hospital de Calde, unhas instalacións nas que se atopan ingresadas unha media de 75 persoas e que, debido aos horarios actuais, non dispoñen dun servizo de transporte axeitado ás súas necesidades.

“Parte do labor que se desenvolve alí cos pacientes que reciben rehabilitación psiquiátrica persegue a mellora das súas habilidades para realizar trámites burocráticos e integrarse na comunidade. Pero iso precisa tamén dispoñer doutros recursos públicos como pode ser unha boa conexión do bús co núcleo urbano, onde se atopa toda a actividade administrativa e tamén cultural do municipio”, explica Iñaki García.

A petición de abondar no número de traxectos que ten esta liña parte do persoal do centro sanitario quenes reflicten que as frecuencias en vigor, lonxe de promover a socialización dos pacientes provoca o efecto contrario: o seu illamento. “Agora mesmo, dende o Hospital só se pode ir á capital ás 10:55 da mañá e logo teñen que agardar ate ás 13:50 para regresar o que lles impide chegar a tempo ao xantar, programado para as 13:30 – subliña o edil-  e o mesmo acontece polas tardes coas ceas. As combinacións existentes provocan que teñan que deambular durante horas pola cidade, sen destino nin finalidade, agardando polo autocar de volta, ou directamente se neguen a saír do centro, pola mesma razón, o que supón un paso atrás na súa recuperación”.

“É máis, agora mesmo, este motivo provoca igualmente que moitos deles só poidan aproveitar unha hora e media as terapias de carácter ocupacional que reciben e que se imparten mañá e tarde nas sedes doutros organismos do sector”, salienta García Gómez. A medida suxerida por Lugonovo evitaría todos estes prexuízos pero ademais serviría para posibilitar unha maior asiduidade das visitas que os internos reciben tanto de familiares como de amigos, axilizaría a súa recollida nas instalacións cando desfrutan de permisos domiciliarios, permitiría que os empregados puidesen utilizalo cando non dispoñen de vehículo privado e mesmo garantiría un maior éxito do programa de voluntariado.

A proposta da formación, achegada polos traballadores que coñecen de primeira man a realidade que se vive nas instalacións, pasa por incrementar en cinco as viaxes (ás 8:45, ás 9.45; ás 13:15, ás 16:00 e ás 20:30) que fai o servizo e de modificar o itinerario incluíndo, entre outros puntos, a zona de San Fiz onde, próximamente, se ubicará Alume.