Lugonovo sospeita que, dende hai medio ano, o goberno consinte a explotación económica dos Mupis a cambio de nada

Un mínimo de 40 postes publicitarios asentados na capital, segundo datos estimados pola axencia Oblicua, a unha media aproximada de 150 euros por cada unha das caras, segundo a información facilitada polo sector local.

O resultado da operación, que ascende aos 12.000 euros, reflicte os beneficios que obtería Clear Channel mensualmente por xestionar, sen contrato, os espazos propagandísticos que existen na cidade. Se esta cifra a multiplicamos polos seis meses que leva caduca a concesión o importe supera os 70.000€, que son, á baixa, os cartos que esta adxudicataria se tería embolsado a cambio de nada, co beneplácito do goberno, que, aparentemente, non actuou para impedilo.

Lugonovo leva meses pedindo explicacións ao respecto ante a ilegalidade que supón. “A prórroga de tres anos rematou en setembro, 60 días despois, é dicir, a finais de novembro, todo o mobiliario urbano pasou a ser do Concello – denuncia Santiago Fernández Rocha – ¿e iso que significa? Pois que a multinacional segue a explotar tódolos anuncios que se colocan nas marquesiñas dos buses e no resto de mupis do termo municipal de xeito gratuíto pero non ten por qué responsabilizarse do mantemento e coidado destas instalacións, senón que, como propiedade da administración, debe ser esta quen os arranxe. Un negocio perfecto… para a empresa, claro!”, ironiza o voceiro.

Fernández Rocha relata a cadea de despropósitos que rodean esta licitación. “Dende febreiro do ano pasado o departamento de contratación reiterou os avisos ao executivo advertíndolle da proximidade da súa finalización, primeiro cunha providencia e logo con frecuentes correos electrónicos. Sen embargo, e a pesar das advertencias dos técnicos, o executivo non moveu un dedo para evitar unha nova irregularidade máis. É inaudito que esgote o prazo e, coñecedor do que acontece, consinta logo o lucro sen esixir ningunha contraprestación”.

O portavoz da formación engade a  “esta catastrófica xestión o inexplicable feito de que, dende 2005, se lle leve dando voltas á ordenanza da publicidade” sen que, a día de hoxe, exista ningún regulamento en vigor. “Non é de recibo que doce anos depois de terse iniciada a súa redacción aínda non coñezamos a norma. O resultado non é outro máis que unha anarquía absoluta na materia, – enfatiza Rocha –  que, dificulta incluso a posible municipalización do servizo”. Os edís e a edil de Lugonovo instan ao equipo de Lara Méndez a poñer orde na contratación e a rematar coa sucesión de anomalías que afectan á rendibilidade e á credibilidade da institución.