Lugonovo tacha de raquítica a partida asignada ao municipio nos orzamentos do Estado

“Absolutamente raquítica”.

Así é como o voceiro de Lugonovo cualifica a asignación orzamentaria que o Estado dedica este ano ao municipio. Santiago Fernández Rocha considera especialmente ridículo o esforzo que o Executivo Central pensa facer en materia de infraestruturas, “onde todo o investimento se reduce a unha rotonda e a un tímido alivio do futuro proxecto de modernización da vía férrea con Ourense”.

“Está claro que toda a forza se lles escapou pola boca porque dos anuncios comprometidos non hai nin un só euro para Lugo en dotacións como a Intermodal ou mesmo a flamante e publicitada Comisaría de Policía para as vellas instalacións do Hospital Xeral”. A xuizo do portavoz, o que reflicten estes “escuálidos presupostos” non é máis que unha evidente falta de sintonía entre as administracións autonómica e estatal, “que se esmeran en facerlle propaganda a actuacións que despois non respaldan con feitos”.

“¿Qué planes hai para a Praza Conde de Fotao ou para a Ponte Nova?” – pregúntase Fernández Rocha. “As dúas permanecen sumidas no total abandono e, no caso da ponte, á espera de que as institucións deixen de xogar ao tenis e se poñan dacordo entre elas para sacala do limbo vergoñento no que se atopa. É o paradigma da velocidade á que camiñan os organismos cando teñen distinta cor política”.

Así, as perspectivas de que Lugo deixe de ser a cidade abandonada de Galicia son “tan negras”, como a cor que está collendo esta infraestrutura viaria sobre a Nacional VI e como as esperanzas de que, algún día, a capital conte coas pasarelas das Gándaras e da Cheda”, lamenta Rocha.

“Síntoma de que aqueles representantes da provincia que nos gobernan viven de costas ás necesidades do Concello e buscan a súa visibilidade só con fogos de artificio”. O mellor símil desa “iluminación deficiente”, atópao Fernández Rocha na ausencia de alumeado que afecta á estrada N-640, dende a Avenida da Coruña  á  Campiña – “A Ronda Norte, que sacando nas proximidades do polígono, non ten nin unha soa bombilla”.

“Estes orzamentos merecen unha emenda á totalidade no que ten que ver coa cidade. Pero dende Lugonovo, instaremos ao deputado de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello, a que faga especial fincapé na necesidade de dotar de farois esta vía coa fin de diminuir a inseguridade que asume a diario a veciñanza da contorna, cando se despraza pola zona”, conclúe Santiago Fernández Rocha.