Lugonovo alerta de que a falta de saneamento no rural contribúe a que o 82% das fontes estean contaminadas

¿A onde verte o Hospital de Calde?

É a pregunta que se fai Lugonovo á vista de que o núcleo non ten saneamento.

A teoría é que tódalas augas residuais que proveñen desta instalación terían que rematar, ao aire libre, nunha finca que se atopa a menos dun kilómetro do centro pero a realidade é que, como a canalización da que dispón está moi deteriorada, existen tantas fugas que toda a materia queda espallada polo camiño.

¿E con que calidade chega ao medio ambiente? Pois iso xa depende da capacidade de funcionamento e da eficacia da depuradora do sanatorio, que ten máis de 20 anos. Así que, ante o que se pode deducir, o que procede é xa unha última cuestión, ¿alguén controla o prexuizo que esto supón?

Porque non é o único caso. Como en Calde, 40, das 54 parroquias de Lugo, non teñen saneamento e das outras 14 “privilexiadas”, ningunha dispón del na súa totalidade. “É o reflexo da sensibilidade medioambiental que teñen as administracións ao respecto”, manifesta Santiago Fernández Rocha. “Esto demostra que o executivo autonómico leva anos sen reverter no municipio nin un só céntimo do que percibe en concepto de canon e que o goberno local parece non ter atopado aínda a motivación suficiente para esixirlle que empece a facelo”. Sen dotacións públicas, no rural non queda outra que dispoñer cada vivenda do seu pozo negro ou da súa fosa séptica.

Ou iso se presupón. A normativa é estrita para as construcións que se autorizaron recentemente pero ¿que acontece coas casas e as granxas máis antigas? ¿De que maneira se desfán dos residuos que xeran? Os resultados da última analítica realizada en decembro de 2016 a 46 fontes non conectadas á rede de abastecemento, son concluíntes para o voceiro da formación. “En 38 detectouse unha importante presenza de contaminación bacteriolóxica e, 22 deses mananciais conteñen ademais, segundo o informe de ensaios, restos fecais.

Estamos ante un problema, e un problema verdadeiramente importante. Primeiro de calado ecolóxico pero tamén, non nos podemos esquecer, de gran relevancia sanitaria. E non se trata de provocar alarmismos senón de obrigar ás institucións a facer unha fonda reflexión do alcance que ten manter sen saneamento, ano tras ano, a unha boa parte do concello”, estima Fernández Rocha. O portavoz de Lugonovo cre que debe ser o equipo de Lara Méndez quen capitanee o proceso.

“Como en toda enfermidade, o imprescindible é facer un bo diagnóstico. Cremos convinte un primeiro asesoramento de expertos e unha avaliación das principais deficiencias para determinar que é o máis urxente. Pero a continuación sería preciso forzar ao goberno galego a cumprir coas súas obrigas mediante un convenio, protocolizado, no que, con orzamentos e prazos ben definidos, se fixe a folla de ruta a seguir.

Do mesmo xeito valoramos como algo imprescindible recuperar e actualizar a ordenanza de residuos e posibilitar á cidadanía un servizo municipal de  vaciado e limpeza das fosas privadas así como de traslado dos refugallos ata a planta de tratamento para garantir que se fai axeitadamente”, propón o portavoz.