Lugonovo propón poñer en marcha un servizo de limpeza de fosas sépticas no rural

Tras dar a coñecer os informes sobre a calidade das augas dos mananciais municipais, nos que queda patente que máis do 80% sofren contaminación bacteriolóxica, Lugonovo propón regular a recollida, transporte e xestión das augas residuais procedentes das fosas sépticas e dos pozos negros existentes no rural.

“Trátase dun servizo que xa existe en moitas localidades veciñas da provincia da Coruña e que, cremos, non só sería acaído senón tamén necesario implantalo en Lugo a tenor da situación na que se atopan as fontes que non están conectadas á rede de abastecemento”, afirma o voceiro.

Santiago Fernández Rocha considera convinte, como primeiro paso, recuperar e actualizar a ordenanza de residuos para encher o baleiro legal que regularía tódolos aspectos relacionados co tratamento do lixo e dos refugallos para, a continuación, desenvolver unha prestación de vaciado e limpeza das foxas privadas así como de traslado das augas residuais que conteñan ata a planta de tratamento para garantir que se fai axeitadamente.

“Somos coñecedores de que moitas destas instalacións particulares teñen filtracións e están a causar danos ao medio ambiente contaminando, en moitos casos, os acuíferos. A medida contribuiría a evitar os vertidos, a corrixir o prexuizo ecolóxico, que por desgraza xa se observa con naturalidade, e a dotar dunha ferramenta moi necesaria para o rural que contrarreste tódolos déficits de dotacións que padecen”, matiza Fernández Rocha. A fórmula que propón estudar Lugonovo podería consistir nun servizo á demanda por parte do veciño que, ou ben, só tería que abonar a taxa correspondente por cada traballo puntual ou ben podería pagar cunha cota anual e un importe por vaciado pero sempre cun custo equiparable ao que se lle cobra aos usuarios conectados á rede urbana.

“Esto faise xa en Arteixo, en Oza – Cesuras dende hai case tres anos e en Ferrol, a través da empresa mixta Emafesa. Sería unha medida provisoria ata que non chegue o saneamento definitivo do núcleo. Polo que non significa que, dende a administración local se abandone a loita para que o executivo autonómico cumpra coas obrigas que lle corresponden como é a de reverter en saneamento parte do que recada no municipio en concepto de canon da auga, que lle supón ás arcas da Xunta máis dun millón de euros ao ano, unha cantidade da que os lucenses aínda non recibiron un peso en forma de infraestruturas”, conclúe o voceiro.