Lugonovo atribúe á desidia do goberno a presenza de pintadas nos espazos públicos

O trámite de poñer de acordo ás comunidades de veciños para solicitar o permiso municipal era o requisito imprescindible para que o goberno puidera acometer a limpeza de pintadas nas fachadas de inmobles particulares. Así foi como o executivo xustificaba a imaxe de abandono de moitos barrios afectados por esta práctica.

Pero ¿que acontece cos edificios e espazos públicos? ¿Que impide que se eliminen deles os graffiti? Para os edís e a edil de Lugonovo a resposta a esta pregunta é a combinación dunha elevada dose de desidia engadida á notoria falta de supervisión e control sobre os servizos e as dotacións municipais.

“Non hai máis que pasar polo Parque de Rosalía. Xa perdimos a conta do número de meses que leva deteriorada, ateigada de garabatos, a pequena construción sita ao carón da área de xogos infantís. E aquí non hai ningunha escusa que sirva”, afea Santiago Fernández Rocha. Como tampouco a hai, ao seu xuízo, para a seguinte rea de exemplos que  se enumeran a continuación. “O que acontece en Frigsa alcanza a categoría de invasión. Os muros perimetrais da Biblioteca, os valados e paredes do recinto deportivo, as instalacións da Sección de Augas, de Parques e Xardíns, da Brigada de Obras da Zona Rural… nin as dependencias do almacén se libran de tan persistente pegada creativa”, ironiza Rocha. O portavoz de Lugonovo eleva o ton da crítica tras un ano insistindo ao equipo do goberno da necesidade de contrarrestar os efectos do vandalismo.

“Segue sen existir ningún plan de intervención no que se recollan non só as medidas a desenvolver senón tamén o calendario no que se pensan poñer en marcha”, advirte Fernández Rocha, “a pesar de que o problema é perceptible, prexudica ao conxunto da cidadanía e pode ter consecuencias sobre o turismo”.

“Non só cómpre facilitar as intervencións para o arranxo destes danos, axilizando o procedemento administrativo – abonda o voceiro – senón que tamén resultan acaídas outras accións de sensibilización e concienciación social. Actuacións encamiñadas a reducir os danos que ocasionan estas agresións no patrimonio e a corrixir a imaxe de Lugo que transmite, a día de hoxe, a paisaxe urbana da cidade, no seu estado actual”. “Conviría, igualmente, elaborar unha sorte de Rexistro, un mapa no que queden recollidas tódalas intervencións realizadas, a súa localización e os procedementos empregados coa fin de detectar a posible reiteración destes comportamentos”, apunta Santiago Fernández Rocha. Dunha forma parella, dende Lugonovo sublíñase o imperativo de incidir na prevención a través dunha maior vixilancia policial como principal mecanismo de disuasión.