Lugonovo denuncia o deficiente funcionamento do Arquivo Municipal

Ten a aparencia dun soto vello… Pero é o Arquivo Municipal.

Como esta, varias das súas salas manteñen o aspecto que reflicte a fotografía. Non existe mobiliario suficiente para albergar a documentación que remata amoreada no chan ou sobre as mesas de forma aleatoria e desorganizada. Sen case persoal que o atenda, o servizo recibe, mes tras mes, as queixas dos usuarios polo estado no que se atopa e pola pouca dilixencia coa que funciona.

“As solicitudes para consulta e recepción de información deberían resolverse en 48 horas pero, na realidade, duplícase o prazo. Non existe unha zona axeitada para visionar o material que se almacena no inmoble nin tampouco ningún espazo que sirva de biblioteca. A sensación que transmite é a dun abandono absoluto – lamenta Santiago Fernández Rocha –  coma se o arquivo dunha cidade histórica como a nosa non tivera consideración nin transcendencia algunha para a administración local”. O portavoz de Lugonovo ven de presentar varias preguntas ao goberno para coñecer, con detalle, en qué condicións opera.

“O noso concello goza dunha riqueza patrimonial recoñecida e notoria e este departamento debera estar á altura das circunstancias. Nada máis lonxe da realidade. Nos últimos 9 anos a penas se lle prestou atención. De 2008 data, precisamente, o derradeiro expurgo coñecido e, dende entón, nin sequera se avanzou noutros aspectos como a dixitalización. Ao contrario, os empregados teñen detectado a perda de fondos importantes”,  relata Fernández Rocha. E continúa. “A súa situación é tan precaria que só cunha visita ás instalacións é posible decatarse de que leva anos sen recibir investimentos e sen modernizarse. E non dispoñer da tecnoloxía axeitada supón, entre outras cousas, que a xestión e a conservación documental se realice de forma deficiente dende o proceso de descrición ate o de divulgación”.

Ao xuizo do voceiro de Lugonovo urxe unha posta a punto. “Carece ata do máis esencial como é un regulamento propio. Por aí habería que empezar. Tamén conviría un cambio de ubicación a outras dependencias, máis amplas, que o dignificaran na súa verdadeira valía. E cómpre mellorar a súa repercusión social. É incomprensible que nestes dous últimos anos case non protagonizara ningunha actividade cultural máis aló da conmemoración do Día Internacional dos Arquivos. Unha verdadeira mágoa, que se teña en tan pouca estima sendo, como é, o berce que garda a nosa pegada histórica”, conclúe Santiago Fernández Rocha.