Lugonovo advirte dun novo episodio de deterioro do Camiño Primitivo

En pleno Camiño Primitivo, a altura da coñecida como Corredoira do Romeu o trazado da ruta Xacobea presenta un estado calamitoso.

O firme, completamente deteriorado, amosa un empedrado desfeito froito das continuas crecidas do río, por un claro motivo: está inadecuadamente canalizado. Esta é a conclusión á que chega o portavoz de Lugonovo tras visitar a zona para confirmar as alertas da veciñanza.

“Estamos a falar dunha senda milenaria. Un treito que se integra no itinerario que conecta Santa María de Bascuas con San Martiño de Carballido. Neste percorrido varios expertos detectaron, xa en xaneiro de 2016, que era preciso intervir con urxencia para recuperar a calzada histórica. Agora é a cidadanía a que se suma a esa petición poñendo o foco na necesidade de actuar nas proximidades do campo da festa de Manzoi e Fazai”, explica Santiago Fernández Rocha. O portavoz da agrupación municipal refire que a condución da auga mediante tubaxes remata a escasos dez metros deste sendeiro o que propicia que, cando se rexistran inundacións o caudal chegue a rebasar a canle fluvial e desborde arrasando o pavimento. “A solución á orixe do problema non parece moi complexa. Só sería preciso completar o entubado que xa existe. De non facelo así, córrese o risco de que este este vieiro se perda definitivamente” – advirte Fernández Rocha – quen tamén apunta a que mantelo nestas condicións pode propiciar accidentes.

“Estamos a falar dun dos traxectos a Compostela máis afianzados. Tal e como está agora mesmo é un perigo, dificulta moitísimo o tráfico rodado para os peregrinos que viaxan en bicicleta e aqueles que o fan a pé poden tropezar e mancarse”. Santiago Fernández Rocha aconsella tamén retirar, canto antes, unha pedra de considerables dimensións que, seguramente empurrada pola corrente, rematou na boca da canalización, obstaculizando a súa entrada.

“Xa existían mostras dabondo da desidia das institucións á hora conservar o patrimonio. Non hai máis que observar como se atopa o Camiño ao seu paso polo barrio do Carme ou polo da Chanca. Un despropósito que pon de manifesto a evidente contradición que existe entre o nivel de esixencia que se lle impón aos particulares e a relaxación que amosan os organismos públicos, incapaces de predicar co exemplo”.